O BNG acada un acordo para manter os centros de Pescanova en Galiza e os postos de traballo

Pescanova

A deputada do BNG, Carme Adán acadou o compromiso do Partido popular para instar ao Goberno galego a poñer en marcha medidas destinada a manter os centros de produción en Galiza, non fraccionar a empresa e continuidade dos postos de traballo

Parlamento galego.- A portavoz de Industria do BNG, Carme Adán defendeu hoxe en Comisión unha Proposición non de lei destinada a elaborar un plan de viabilidade para Pescanova mantendo os centros de decisión en Galiza e crear unha comisión de investigación sobre o acontecido na empresa.

Froito dunha transacción co grupo parlamentario popular, finalmente a deputada do BNG acadou un acordo por unanimidade polo que o Parlamento “instará ao Goberno galego a procurar, xusto ao resto da Administración pública, administración concursal e resto de acredores e partes implicadas a por en marcha todas as medidas, dentro do proceso concursal, que sirvan para manter os centros de produción en Galiza co compromiso de non fraccionar a empresa e manter os postos de traballo”.

A saída da comisión de Industria, a deputada do BNG valorou o acordo do que dixo, representa un “primeiro paso para a implicación do Goberno galego nunha empresa tan importante para Galiza”.

A parlamentaria anunciou que o BNG “permanecerá vixiante ao cumprimento do acordo” para que non fique “en papel mollado do Parlamento”.

O PP vota en contra de incluír a Galiza no próximo Plan do Carbón

Por outra parte, na mesma comisión o Partido popular votou en contra da iniciativa, tamén defendida pola nacionalista Carme Adán, para incluír a Galiza no próximo Plan do Carbón.

Na súa intervención, a deputada do BNG criticou que o PP impedira que Galiza non participe no Plan do Carbón cando Asturias e o Bierzo xa contan cun acordo neste sentido.

Adán lamentou que non prosperara a iniciativa nacionalista e que as comarcas mineiras de As Pontes e Cerceda fiquen fora do Plan do Carbón

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG