O resgate ao Estado español é un roubo ao pobo. Será o pobo quen pague a factura, en forma de xuros e en forma de novos recortes. A única beneficiaria desta operación será a banca privada, que poderá sanear os seus balanzos e pagar as súas débedas.
Máis unha vez cando hai perdas as pagamos entre todas e entre todos e cando hai beneficios estes van parar só aos petos duns poucos privilexiados.
Alén diso, estamos ante un roubo perpetrado de forma antidemocrática, sen ningún debate social, sen transparencia, sen dar a oportunidade á sociedade a expresarse e, sobre todo, a decidir con pleno coñecimento de causa.
É por isto que o BNG demanda a celebración dun referéndum sobre o resgate. Para que a cidadanía -que é a que vai pagar a conta- decida.
Basta xa de fraudes, basta xa de enganos, basta xa de mentiras gobernamentais
Demandamos un referéndum e demandamos tamén unha Comisión de Investigación que identifique os responsábeis do enorme burato xerado polo sistema financeiro privado, burato que agora haberá que encher con cartos públicos, con cartos procedentes dos nosos impostos.
Caso de o PP continuar a vetar as Comisións de Investigación que o BNG demanda quer no Parlamento galego quer no Congreso, promoveremos unha Auditoría Social para, nun traballo conxunto coa sociedade galega, determinarmos como chegamos até aqui e quen son os responsábeis desta catástrofe social.
Basta xa de fraudes, basta xa de enganos, basta xa de mentiras gobernamentais.
Temos dereito a saber. Temos dereito a decidir e temos dereito a que se faga xustiza.
Cando hai perdas as pagamos entre todas e todos, e cando hai beneficios van parar aos petos duns poucos privilexiados