O voceiro de Economía do G.P. do BNG, Carlos Aymerich, emprazou á conselleira de Facenda a que se quere presumir de défice se preocupe máis e actúe contra o défice social, laboral, de igualdade e de actividade económica que sofre Galiza.
Aymerich, logo da comparecencia en pleno da conselleira para dar conta da última reunión do Consello de Política Fiscal e Financieira, cuestionou as declaracións feitas nos últimos días polo presidente da Xunta e por toda a súa equipa de que Galiza ten de sentirse orgullosa por cumprir co défice e cadrar as contas.
Galiza, á cabeza no número de ERES
Para o deputado nacionalista, non é de recibo que o goberno da Xunta fale de dar exemplo e de que os galegos e galegas xa recollen os froitos da austeridade cando imos camiño dos 300.000 parados, 1 de cada catro nenos está por baixo do limar da pobreza, Galiza está á cabeza no número de EREs e hai máis de 25.000 dependentes recoñecidos á espera de cobrar a prestación.
O parlamentar lembrou á conselleira que a esta realidade aínda pode sumar máis indicadores negativos, como as elevadas listas de espera na sanidade, a redución no profesorado ou as rebaixas dos salarios nos empregados públicos, é nisto no que se nota que Galiza cumpre co défice?, ironizou.
1 de cada 4 nenos está por baixo do limiar da pobreza. Son estes os froitos da austeridade?
Aymerich recoñeceu que é deber dun goberno facer unha xestión orzamentaria ordenada mais o défice é un medio para conseguila non un fin en si mesmo, o obxectivo ten que ser satisfacer as necesidades das persoas e do País e iso pasa polo gasto social se realmente non se quere atacar o estado do benestar.
Engadiu que, ademais, Feijóo non pode gabarse tanto dos seus cumprimentos porque no 2011, por exemplo, houbo unha desviación de tres décimas no défice, foi a primeira vez en sete anos que se incumpren os obxectivos, malia a enxenería financieira e as maquilaxes nas contas.
Neste sentido, afirmou que se por algo vai ser recordado este goberno en materia financieira é polo adianto na data de peche dos orzamentos. A súa grande innovación dixo- é que os orzamentos en Galiza duran seis meses, dende 2009 deixaron de executarse máis de 4.300 millóns de euros, é dicir, hai máis de 4.000 millóns de euros que se deixaron de investir en sanidade, en educación, en políticas de traballo, en dependencia, etc.
Ineficiencia da Xunta: desde 2009 deixaron de executarse máis de 4.300ME orzamentados
Sobre a última reunión do Consello de Política Fiscal, Aymerich discrepou coa conselleira e retrucoulle que da mesma non saiu un grande modelo de acordo de Estado senón unha chantaxe.
Chantaxe e invasión das competencias autonómicas
Na súa opinión, o que houbo foi un grande ataque á autonomía financieira das Comunidades Autonómas a través da chantaxe da intervención se non cadraban as contas ao custe que fora: precarizar, privatizar facer máis caros e menos accesíbeis os servizos públicos e incrementar o paro e as desigualdades.
O deputado nacionalista puxo enriba da mesa outro dado que non dá motivos a Feijóo para seguir fachendeando por Madrid de bo xestor, como é a cifra da débeda, pois pasou de ser o 6,9 por cento do PIB (6.900 ME) no último trimestre de 2009 ao 12,3 a finais de 2011 (7.000) e subindo, pois no que vai de 2012 xa se incrementou en máis de 700 millóns de euros máis, aos que hai que engadir outros 1.000 millóns froito das financiacións público-privadas.