Nin rigor, nin sentido común, así respondeu a concelleira nacionalista Ermitas Valencia ás declaracións do PP sobre o seu balance no Goberno local, e así comezou a rolda de imprensa na que denunciou o malgasto do PP en traxes para dous condutores do parque móbil do Concello, malia a poxa dos coches oficiais que tiña a disposición a Corporación Municipal. A este respecto, lembrou Valencia que o PP facía uso dos vehículos oficiais durante a súa etapa na oposición.
A concelleira do BNG pregúntase onde queda a austeridade coa que continuamente machaca o PP cando o Goberno do Sr. Negreira vén de pagar unha factura de 2.484 euros pola compra de dous traxes de verán e dous de inverno para os dous condutores da Alcaldía, traballadores do Concello que foron recolocados noutros servizos municipais.
Circo mediático
Chama a atención que as facturas foron aprobadas o 17 de abril deste ano e que o pasado 4 de maio se abriu o prazo para participar na poxa pública dos coches oficiais. Ademais, o prego de cláusulas administrativas foron redactadas o 13 de abril deste ano, mentres que as cláusulas técnicas datan de xaneiro de 2012, explica Valencia. Malia ter previsto desfacerse do parque móbil da Corporación municipal xa desde xaneiro, o PP decidiu comprar estes traxes por 2.484 euros, salienta. Chama tamén a atención que o gasto nestes traxes novos cando o Sr. Negreira vén machucando desde o verán con que non vai querer condutores nin coches oficiais dentro da propaganda e do circo mediático en que o PP converteu estes 11 meses de Goberno, engade.
Ermitas Valencia denunciou a falsa austeridade do PP
Neste contexto, a nacionalista presentou unhas preguntas para a súa resposta escrita nas que cuestiona o Goberno local polas razóns que o levaron a mercar uns traxes novos para os condutores de Alcaldía cando aos poucos días trasladaron estes traballadores a outros servizos do Concello. Tamén pregunta Valencia as razóns que levaron o Goberno do Sr. Negreira a mercar uns traxes novos cando en xaneiro deste mesmo ano xa se sabía que ía eliminar o parque móbil ao estaren as bases técnicas xa redactadas.