AO BNG denuncia a parálise da programación musical e escénica e a ausencia de director/a de AGADIC

A deputada  insta á Xunta a convocar con “carácter de urxencia” a programación para o primeiro semestre 2013 e a estudar formulas que compensen os meses perdidos de programación

A portavoz de Cultura do BNG, Ana Pontón denuncia, a través de diversas iniciativas parlamentarias, “a parálise da programación musical e escénica en Galiza”.

Por outra banda, a deputada tamén pregunta ao Goberno polos prazos para o nomeamento do director/a da Axencia Galega de Industrias culturais e lembra que despois de tres meses tralo cesamento do anterior director, a Xunta non procedeu a nomear a unha nova persoa encargada de xestionar a maior parte da actividade cultural que promove o Executivo.

Pontón considera que a Xunta de Galiza está actuando en ambos casos, “cunha total improvisación” o que está a provocar, na súa opinión, un “grande impacto negativo” na vida cultural impedindo, por parte da cidadanía galega o disfrute da cultura e estragando o traballo dos nos@s creador@s por porfesionalizar e dignificar esta profesión.

A deputada esixe unha rápida solución á parálise da programación musical e escénica galega e o prazo para o nomeamento do novo director/a de AGADIC.

Para a parlamentaria do BNG, o Goberno galego incorre nunha “enorme irresponsabilidade” mantendo sen dirección a Axencia Galega das Industrias culturais e resulta unha nova mostra de “insolvencia” deste goberno, a falta de responsabilidade e frivolidade coa que asume a xestión cultural.

Pontón tamén indica que todo fai pensar que a ausencia deste alto cargo é empregada como “escusa” para retrasar as convocatorias e programas. Esta situación, asegura, representa o “desleixo e desprezo” do Goberno galego coa cultura galega na súa distribución e exhibición.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG