A deputada acusou ao conselleiro de repetir mantras, mentiras e manipulacións para xustificar a suba do canon do lixo
A deputada do BNG formulou hoxe un pregunta sobre a negativa do Presidente da Xunta e do conselleiro de Medio Ambiente a tratar cos alcaldes a suba do canon do lixo.
Si o Goberno non o soluciona, dixo, dentro de poucos días será aplicado o novo canon de SOGAMA cunha subida do prezo dun 34% polo tratamento do lixo, unha suba abusiva , medida que dende o BNG rexeitamos por inxusta e porque o Goberno galego traballou ocultándoa á cidadanía galega e ao propio Parlamento.
A parlamentaria, tras saudar aos alcaldes do BNG presentes no debate na tribuna de convidados na Cámara galega, afirmou que o Goberno tomou a decisión e aprobou a medida de subir o canon do lixo de maneira unilateral e negando o diálogo cos concellos, medida que outra vez, o Goberno galego carga sobre os petos dos galegos e galegas.
Pontón cualificou de ridícula a afirmación da Xunta cando defende que o novo prezo do lixo só supón un euro. Os cidadáns, manifestou, están fartos de soportar as medidas regresivas do Partido popular, de ver como baixan os salarios, conxelan as pensións e o número de desempregadas/os en Galiza é alarmante.
Feijóo ten tempo para ofender aos andaluces pero non para atender as demandas dos alcaldes e alcaldesas galegos
Dende o BNG, nun contexto de grave crise económica, non consideramos xusto incrementar os prezos dos servizos básicos e parécenos moi grave, dixo, a falta de diálogo deste Goberno, é rechamante que o Presidente da Xunta atope tempo para ir a ofender aos andaluces e non atenda as reclamacións dos alcaldes e alcaldesas de Galiza.
Pola súa parte, o conselleiro responsabilizou ás novas tarifas eléctricas do impacto en SOGAMA , tivemos tres xuntanzas e tras un acordo coa FEGAMP, dixo, PSdeG e Bloque desmarcáronse, a Xunta sempre mostrou vontade de dialogo.
O PP defende o déficit tarifario para logo sentarse nos consellos de Administración das empresa eléctricas
Na quenda de réplica, a deputada negou as afirmacións de Agustín Hernández e acusouno de repetir mantras, mentiras e manipulacións. A realidade é sempre a mesma, afirmou, vostedes deben de ser os únicos que defenden un déficit tarifario que é unha estafa colectiva das empresas eléctricas e xa sabemos a quen sentan nos consellos de Administración.
Vostede segue mentindo sobre SOGAMA e estaría ben que o que nos conta aquí a nós, llo dixera á Dirección xeral de Política Rexional da Comisión europea que recentemente afirmou, Galiza incumpre a normativa en materia de reciclaxe e concretamente as instalacións de SOGAMA reciclan pouco e mal.
A deputada concluíu a súa intervención aproveitando a presenza dos alcaldes na tribuna de invitados para manter unha xuntanza co conselleiro de Medio Ambiente ao remate do debate parlamentario co fin de rectificar a suba do canon, invitación que Hernández declinou.