Ana Pontón pide á Xunta que se coloque ao lado das persoas desafiuzadas e non da Banca

A deputada reclamou o compromiso do titular da Consellería de Ordenación do Territorio, Medio Ambiente e Vivenda contra a Lei de Costas, aprobada polo PP no Congreso, que xustificará a consolidación de ENCE en Pontevedra

A portavoz de Medio Ambiente e Ordenación Territorial do BNG, Ana Pontón pediu hoxe, “parar os desafiuzamentos” e criticou que a Secretaria Xeral do PP, Dolores de Cospedal remitira unha circular para prohibir o termo “deshaucios”, por que xa se sabe, dixo “do que non se fala non existe”.

Trala comparecencia do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández para informar dos obxectivos do do departamento que dirixe, a nacionalista acusou ao Partido popular de aplicar “unha política criminal” contra as persoas afectadas polos desafiuzamentos como recendente aconteceu coa señora Aurelia na cidade de A Coruña.

A deputada considerou que o “Plan para realoxos” só conta con 150 vivendas que resultarán insuficientes para todas aquelas persoas que, tras un longo proceso burocrático, quedarán na rúa, “perderon vostedes unha oportunidade no Pleno dos Orzamentos para aprobar unha Proposición de lei do BNG” e remitila ao Congreso dos deputados para solución ao problema de fondo e non “os parches que vostedes propoñen”, manifestou.

Na súa intervención, a nacionalista negou que o PP apoie o acceso á vivenda cando vén de recortar nun 50 por cento os fondos, “dende a súa chegada á Xunta, recortaron vostedes nun 76 por cento todos os programas de política social de vivenda”.

Denegan as axudas aos préstamos hipotecarios aos veciños de Navia en Vigo e suprimen estas axudas nun momento de “máxima necesidade” , que a Xunta asuma estas axudas sería facer unha política de vivenda, o contrario é deixar desamparadas ás persoas.

As Leis de Solo e Costas xustifican a consolidación de ENCE

Sobre o documento da nova Lei de Solo, a parlamentaria afirmou que non parte de boas premisas por non recoñecer a invasión de competencias nesta materia.

Neste sentido, preguntou pola posición da Xunta de Galiza ante a modificación da Lei de Costas aprobada no Congreso dos deputados, “unha Lei de Costas, dixo, que alentará a corrupción das empresas que degradan os terreos” e explicou que o Partido popular tenta con esta Lei “consolidar ENCE na ubicación actual”.

Políticas ambientais subordinadas a empresas privadas

Neste ámbito, Pontón lembrou a Declaración de Impacto Ambiental da mina de Corcoesto da que dixo “é unha auténtica fraude”, representa a submisión da Xunta os intereses dunha empresa estranxeira e a subordinación da preservación do medio natural, “estase xogando coa saúde das persoas e coa protección do medio ambiente”, afirmou.

Sobre a contaminación nas rías galegas referiuse ás de Ferrol e Coruña como importantes focos sobre os que non existe ningún compromiso da Xunta para o seu saneamento integral, “hai moitos anuncios pero inversións menores”.

Pontón tamén se referiu á depuradora de A Coruña, inaugurada hai dous anos pero sen funcionar polo que pediu a súa posta en marcha ante os verquidos residuais detectados.

Finalmente, a deputada tamén lamentou a falta de compromiso da Xunta co Ferrocarril en Galiza , “están en perigo a maior parte das súas liñas” e nin sequera aparece nos obxectivos de actuación política do seu departamento.

A deputada nacionalista concluíu reclamando outro sistema para a Xestión do lixo que pase pola compostaxe e reciclaxe fronte a “incineración”, modelo polo que aposta o Partido popular e que fracasou dende o punto de vista económico e ambiental polo que pediu o peche de SOGAMA.

 

 

 

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG