Ana Pontón: " Mentres o Gaiás recibe miles de millóns a Cultura galega esmorece"

A deputada asegurou que a situación dos diferentes sectores culturais “é dramática” polo que se fai necesario “un cambio de rumbo” para parar o seu desmantelamento.

A portavoz de cultura do BNG, Ana Pontón reclamou hoxe, en sede parlamentar, recuperar a programación cultural estábel nos concellos galegos.

O voto negativo do Partido popular botou abaixo a iniciativa parlamentaria nacionalista que asemade requiría un pronunciamento do Parlamento galego para promover a recuperación de circuítos culturais que dinamicen as vilas e pobos garantindo o dereito de todos os galegos e galegas a “disfrutar da nosa cultura”.

Cada vez menos teatro

Na súa alocución, a nacionalista sumouse á denuncia realizada polo propio sector que, a través dun informe, confirma a perda de “mil funcións de teatro” en Galiza entre os anos 2009 e 2011.

Para a deputada do BNG, este proceso non ten a súa orixe na crise económica, ao seu xuízo, máis ben responde dixo, “a un deseño consciente e deliberado do Partido popular” de españolización e ataque ás linguas e culturas diferentes onde a “lingua galega é tratada como estranxeira”.

Pontón afirmou que “a crise non é nin de creatividade, nin de potencialidade” é “unha crise política” que o PP utiliza na Xunta contra a lingua e cultura galegas.

Máis cartos para o Gaiás e menos para Cultura

Nesta liña, acusou ao Goberno galego de “soberbia e incompetencia” e afirmou que resulta “obsceno” destinar miles de millóns de euros a varios edificios situados no Gaias cando no 2011, “Camiños da cultura” custou 800.000 euros e permitiu programar cultura galega en 163 concellos, 560 funcións nas que participaron 162 formacións galegas de teatro, danza, novo circo, narración oral e concertos de música pero no ano 2012 este programa foi eliminado coa escusa da “austeridade”, aínda que foi investido “máis de un millóns de euros nunha exposición do Gaiás” que apenas tivo impacto cultural e pasou absolutamente desapercibida concluíu.

 

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG