A deputada lamentou que o novo conselleiro negue a sangría de galegofalantes e non mostre ningunha intención de mudar a política Lingüística da Xunta
A deputada do BNG, Ana Pontón interpelou hoxe ao novo conselleiro de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria , Román Rodríguez ante a publicación dos últimos datos do Instituto Galego de Estatística sobre o uso da lingua galega.
O BNG fai soar o sinal de SOS do Titanic na Cámara galega
A parlamentaria do BNG, Ana Pontón reproduciu no Parlamento o sinal de SOS no afundimento do Titanic como símbolo da situación dramática que está a vivir a lingua galega. Esta acción supuxo para a deputada recibir unha chamada a orde por parte da Presidenta da Mesa, Pilar Rojo.
Xa no debate da interpelación, Pontón dixo que o relevo na consellería pode representar unha oportunidade para mudar esta situación polo que pediu a Rodríguez retirar o decreto do plurilingüismo como está a reclamar a sociedade, a Comunidade educativa, o Consello da Cultura galega e recentemente, a Real Academia Galega.
Pola súa parte, o conselleiro rexeitou a petición da nacionalista e manifestou que o número de estudantes que reciben clases en galego, está a aumentar. A confrontación nesta materia, engadiu só se produce no ámbito político.
A parlamentaria lamentou a resposta porque, na súa opinión, demostra que continúa no camiño do seu antecesor, Jesús Vázquez e tamén nos mesmos tópicos. Pontón lembrou que a pesar de todos os descalificativos que profire o Partido popular contra o BNG, o BNG fai propostas e seguirá facéndoas en defensa do galego.
O Partido popular galego participa nas manifestacións de Galicia Bilingüe
A parlamentaria censurou o optimismo do conselleiro e recalcou que o galego non está presente no ensino, na sanidade, na xustiza e en moito ámbitos sociais polo que volveu demandar do Goberno un cambio e actuar contra a discriminación por utilizar a lingua galega.
Dende a tribuna, Ana Pontón amosou diversas fotografías de dirixentes do Partido popular de Galicia apoiando manifestacións convocadas por Galicia Bilingüe baixo bandeiras españolas co lema, esto es España. Así dixo, o galego seguirá esmorecendo como demostran os datos do IGE, concluíu.