Ana Miranda, unha das impulsoras do Premio Cidadán Europeo 2013 á PAH

A Secretaria de Política Internacional, Ana Miranda, participou este mediodía no acto de entrega do Premio Cidadán Europeo 2013 á Plataforma de Afectados pola Hipotecas (PAH). Un acto que tivo lugar na Oficina do Parlamento Europeo en Madrid.

Na súa calidade de eurodeputada, Ana Miranda foi unha das impulsoras, xunto con outros eurodeputados, desta candidatura que finalmente foi aprobada polo Parlamento Europeo en maio pasado.

No acto de entrega do Premio, que por parte da PAH foi recollido por Ada Colau, a Secretaria de Política Internacional do BNG parabenizou aos dous premiados, “en especial, damos os parabéns á PAH e nos congratulamos de que reciban este premio polo seu intenso traballo social, e a súa crítica da enorme estafa inmobiliaria e o roubo do que foron e son vítimas moitas persoas”.

Neste sentido, subliñou que a “vivenda é un dereito” e tivo unhas palabras para os milleiros de afectados polos procesos de desafiuzamento no Estado español porque “non foron eles os que crearon o problema que agora pagan quedando incluso sen vivenda, foi un problema auspiciado pola especulación inmobiliaria e os intereses bancarios”. Aludiu á sentenza do Tribunal de Xustiza da UE, de marzo de 2013, que declarou ilegal e abusiva a lexislación hipotecaria do Estado español.

Criticou ao Goberno do PP por “non ter arranxado normativamente o problema dos desafiuzamentos e ter obstaculizado o que tantos pedíamos, a dación en pago”. Amosou o dispór do BNG a continuar reivindicando a dación en pago e loubou o labor da PAH en defensa dos dereitos dos cidadáns a teren unha vivenda digna.

E rematou a súa intervención coa coñecida frase de “si se pode”

Tamén tivo palabras de recoñecemento para a Academia da Lingua Vasca polo seu traballo en defensa do euskera, “a súa implicación e o seu compromiso por encher de vitalidade a lingua vasca”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG