Agustín Hernández responde a Ana Pontón que as obras do río Sarria seguen o seu curso
A deputada do BNG, Ana Pontón entregou a Agustín Hernández unha carpeta coas solicitudes da plataforma en defensa do río reclamando documentación e transparencia.
Pleno.- A deputada do BNG, Ana Pontón formulou hoxe diversas preguntas ao conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández sobre as obras do río Sarria sen acadar as respostas requiridas.
A nacionalista pediu ao titular de Ordenación do Territorio e Medio Ambiente que escoite aos veciños e veciñas que aman o seu río e piden respecto pola natureza, as leis e racionalidade no destino de fondos públicos. O conselleiro non amosou intención algunha de recibir ás persoas que reclaman a revisión do proxecto.
Pontón lembrou que na recen bautizada Illa da Dignidade, os cidadáns de Sarria pintaron corazóns nas cruces que condenaban a morte a centos de árbores da ribeira do río Sarria.
Nós, dixo, ao igual que todos os veciños de Sarria coincidimos en que é necesario reconsiderar un proxecto que vai ter un impacto relevante dende o punto de vista ambiental, cultural, etnográfico e social e que supón unha inversión de 6,7 millóns de euros financiando a Xunta 1,5 nunhas obras do Estado.
Ninguén pon en dúbida, afirmou, que sexa necesario mellorar a situación do río Sarria e Celeiro, ou actuar para evitar as inundacións pero cremos que non é preciso facelo talando árbores e destruíndo o patrimonio etnográfico e histórico do concello.
Neste sentido volveu preguntar polos informes realizados pola consellería porque se está a denunciar a existencia de dous informes contraditorios e non sería a primeira vez, dixo, que a súa consellería falsifica informes na tramitación ambiental da documentación.
Existe calendario de obra? Estase cumprindo?.Debe informar cultura sobre a afeccións a bens do Camiño de Santiago? Volveu preguntar.
Pola súa parte, o conselleiro confirmou que a Xunta non ten ningunha dúbida sobre o proxecto e cumpre todos os requirimentos ambientais.
Na quenda de réplica, a deputada volveu preguntar se a Xunta está disposta a ser transparente dentro das súas competencias, vostede, que financia parte destas obras, vai escoitar aos cidadáns para reconsiderar o proxecto?
No remate da súa intervención, a deputada do BNG achegouse ao escano que ocupa Agustín Hernández para facerlle entrega dunha carpeta coas solicitudes da plataforma en defensa do río reclamando documentación e transparencia. O conselleiro rexeitou recoller a documentación deixándoa no escano contiguo cando abandonou o hemiciclo.