Adán reprocha ao conselleiro de Industria apoiar un “modelo colonial” de minería en Galiza

A nacionalista criticou que unha empresa canadiana extraia ouro en Corcoesto a pesar das graves consecuencias medioambientais e económicas que provocará na zona

Na pregunta ao goberno sobre o futuro da explotación da mina de ouro a ceo aberto en Corcoesto, a deputada do BNG, Carme Adán reprochou ao conselleiro de Industria, Francisco Conde apoiar “un modelo colonial e contaminante” en Galiza para beneficiar a unha empresa canadiana.

Na intervención, Adán que vestía unha camiseta co lema “non á Mina”, saudou aos veciñ@s de Corcoesto asistentes ao debate parlamentario e a un gran número de afectados que permanecían nas inmediacións do Parlamento reclamando a paralización do proxecto mineiro.

Un proxecto que incumpre as condicións de proxecto industrial

Adán lembrou que no ano 2012, o BNG trouxo á Cámara galega diversas iniciativas sobre a mina de Corcoesto por entender que o proxecto responde “ao rostro da colonización” na que unha empresa canadiana, á que no seu país as normas medioambientais lle prohiben extraer ouro nas súas montañas, “descubre en Galiza un paraíso” e conseguindo que un goberno “aprobara unha lei industrial” que daba vía libre a este proxecto.

A deputada negou unha a unha as condicións polas que foi aprobado o proxecto e afirmou que non existe nin o desenvolvemento tecnolóxico nin a xeración de emprego, “utiliza a técnica máis barata, cada día 1.400 quilos de cianuro serán empregados” con consecuencias moi graves para a poboación galega.

A parlamentaria salientou que só a Xunta apoio “este espolio” e pediu ao titular de Industria que teña en conta a “gran contestación social” contra un proxecto mineiro que só traerá problemas ao noso país.

Adán tamén aludiu ao mínimo impacto no emprego, segundo a Xunta 512 postos de traballo directos e 1.000 indirectos que finalmente, afirmou a nacionalista, a propia empresa “fíxa en 133 directos e 150 indirectos”.

Gran resposta social contra a mina de Corcoesto

Para a deputada, a Xunta non pode “facer ouvidos xordos” ás peticións das asociacións veciñais, da Plataforma en defensa de Corcoesto e da cidadanía que pide minería pero unha minería, puntualizou, “sustentable e con recursos” e que produza riqueza en Galiza.

“Non a colonización de multinacionais”, queremos proxectos que xeren emprego e que non destrúan o noso medioambiente, concluíu.

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG