Carme Adán criticou a hipocrisía política que rexeita o racismo e tolera a segregación por razón de sexo
Pleno- A deputada do BNG, Carme Adán defendeu hoxe unha proposición non de lei destinada a suspender os concertos da Consellería de Educación cos centros educativos que segregan o alumnado segundo o seu sexo.
Na súa intervención, a parlamentaria do BNG criticou a hipocrisía política que non dúbida en censurar o racismo mentres aplica a segregación no ámbito educativo.
A deputada lembrou que en declaracións aos medios de comunicación, o conselleiro de Educación afirmou que durante o goberno bipartito non foran eliminadas as axudas aos centros que segregan por razón de sexo. Neste punto, a nacionalista amosou diferentes exemplares do DOG para demostrar que no mes de xuño do ano 2005 o goberno en funcións de Fraga Iribarne deixara amarrados os concertos educativos para os seguintes catro anos, cando xa tiña perdidas as eleccións.
A Lei de Educación impide a discriminación por razón de sexo
No ano 2006, engadiu, aprobase a Lei de Educación que a través do seu artigo 84.3 especifica que en ningún caso haberá discriminación por razón de nacemento, raza, sexo, opinión, relixión ou calquera outra circunstancia persoal ou social e no ano 2007 publicase o Decreto que regula a admisión do alumnado en centros docentes con fundos públicos que integraba de igual maneira a mulleres e homes rexeitando calquera atisbo de discriminación.
Para a deputada do BNG, foi no ano 2009 remate dos concertos aprobados por Fraga, cando o Partido popular publica unha orde que mantén os concertos cos centros que segregan, porque vostedes, dixo, cren no principio da segregación.
Adán tamén fixo referencia a comisión de Educación celebrada no mes de setembro do 2009 na que BNG defendeu unha Proposición non de lei pedindo a aplicación da Lei de Educación e retirar os fundos públicos aos centros educativos que segregan en Galiza.
Son centros sexistas cunha educación sexista que non aplican ningún dos principios de coeducación polo que volveu esixir ao PP que cumpra a sentenza que impide subvencionar con fundos públicos a estes centros.
A segregación vulnera os dereitos fundamentais
Adán salientou que a igualdade comeza na escola e lembrou que ao longo da historia as nenas durante moitos séculos non puideron acceder á educación, as mulleres tiveron que disfrazarse de homes para entrar nas universidades pero finalmente, afirmou, conseguimos entrar grazas a súa loita e non a de ningún home dos que está aquí sentado, debémosllo a aquelas que loitaron polo voto dos negros, reivindicación que tamén conseguiron antes que o voto feminino.
A constitución recolle a liberdade de ensinanza e o pleno desenvolvemento da personalidade humana a respecto dos principios democráticos de convivencia, dos dereitos e das liberdades fundamentais, cando separamos a nenos e nenas no ámbito educativo, estamos vulnerando eses dereitos, concluíu.