Adán reclama medidas que muden a actual situación de precariedade laboral das mulleres

Carme Adán

A parlamentaria reclamou crear un grupo especial de traballo sobre a fenda salarial en Galiza e medidas de integración da muller no mercado laboral en condicións de igualdade

Adán demanda medidas urxentes contra a precariedade laboral feminina

Pleno.- A deputada do BNG, Carme Adán defendeu hoxe unha Proposición non de lei na que reclamou elaborar un plan de emprego feminino ante os alarmantes datos de precariedade laboral e traballo vulnerábel que viven as mulleres galegas.

Adán iniciou a súa intervención afirmando que hoxe existe unha lexislación contra as mulleres mozas no tocante á liberdade para decidir sobre a súa maternidade pero este non é o único dereito que o Partido popular quere arrebatar as mulleres no Estado español e Galiza. Esas mozas de 16 ou 17 anos, explicou a nacionalista, teñen capacidade para traballar ou someterse a unha intervención de cirurxía estética pero non a decidir sobre a súa maternidade e se vemos os datos, “só en escasos casos non contaron co acompañamento dos seus país ou nais na interrupción dun embarazo”.

Dereitos laborais das mulleres

A parlamentaria recalcou que as políticas de recortes impulsadas polo Partido popular, frearon de maneira drástica a posta en marcha de políticas de igualdade e polo tanto de traballo en igualdade para as mulleres en Galiza. Neste sentido, explicou, as mulleres de menos de 35 anos abandonan o traballo e as de máis de 45 anos son condenadas a perder o seu posto laboral e tamén os anos de cotización.

Adán no Hemiciclo

As secretarías das organización sindicais son contundentes nos datos sobre a situación laboral das mulleres o que fai necesario, afirmou, “activar medidas que modifiquen esta realidade”.

Parafraseando a Simone de Boauvoir, a nacionalista lembrou que só “a independencia económica e laboral conseguirá rachar cos estereotipos de xénero” polo que reivindicou elaborar un plan de emprego feminino que remate coa fenda salarial en Galiza, “á cabeza do Estado español”, medidas específicas contra a precariedade laboral das mulleres, unha liña de axudas para a creación de empresas femininas de mulleres de máis de 45 anos e unha axuda para desempregadas con longa traxectoria laboral.

Pola súa parte, a portavoz do Partido popular respondeu á deputada do BNG que “as mulleres son unha prioridade para o Goberno galego en programas e obradoiros de emprego”, así como en iniciativas de fomento do emprego feminino, igualdade salarial e conciliación.

Carme Adán

A parlamentaria acusou ao PP de “falsear a realidade” e paralizar todas aquelas propostas iniciadas hai seis anos destinadas a incorporar as mulleres ao mercado laboral e igualdade de condicións.

A figura de Eduardo Galeano presente no debate

A parlamentaria rematou a súa intervención cunha lembranza “in memoriam” de Eduardo Galeano coa cita do escritor uruguaio: “Non hai muller que non resulte sospeitosa da mala conduta. Segundo os boleros son todas ingratas e segundo os tangos todas putas, menos mamá!!!. Confirmacións do dereito de propiedade. O macho propietario comproba a golpes o seu dereito de propiedade sobre a femia, boa torta á humanidade. Eduardo Galeano, Patas arriba.

Carme Adán tamén lembrou a Mónica, unha muller de Vigo que acaba de sufrir a violencia do machismo e que permanece ingresada no centro vigués Povisa tras ser acoitelada pola súa exparella.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG