A deputada tamén reclamou subsanar as deficiencias do centro para desenvolver a súa actividade con normalidade
A parlamentaria do BNG, Carme Adán formulou hoxe unha pregunta parlamentaria sobre a regulación do modelo, marco organizativo e autonomía de xestión e funcionamento das ensinanzas artísticas superiores así como implantar novas especialidades no conservatorio Superior de Música de Vigo.
Adán lembrou que o Claustro de Profesores e profesoras do Conservatorio Superior de Música de Vigo emitiu un comunicado, votado por unanimidade, denunciando o interese da Consellería por promocionar o ensino privado a costa do público a través dunha Orde pola que se autorizan as ensinanzas artísticas superiores de música nas especialidades de composición, interpretación e produción ao centro privado Mayeusis de Vigo.Para a deputada, isto implica un trato desigual que impide a implantación de novas especialidades no Conservatorio Superior de Vigo.
Por outra parte, Adán tamén denunciou as deficiencias do centro público de música que impide impartir con calidade o ensino por mor do recorte de profesorado, pingueiras, pésimas condicións acústicas e térmicas así como carencia de material axeitado.A deputada preguntou polo cronograma manexado pola Xunta para subsanar as as devanditas deficiencias do Conservatorio de Música público de Vigo.
Pola súa parte, o director xeral de Educación respondeu á deputada do BNG que moitas das reivindicacións do equipo directivo non se axustan á realidade e ofertar ensinanzas dende o ámbito privado é lexitimo sempre que se cumpra a Lei e as veces este ensino complementa a formación pública. O centro privado, afirmou, cumpre con todos os requisitos para ofertar esas ensinanzas.
Sobre as carencias estruturais afirmou que se están a corrixir de maneira sistemática así como sobre o equipamento e material dende o ano 2009.
Na réplica, a parlamentaria afirmou que hai días que fai máis frío dentro do Conservatorio que fora e o coidado dos instrumentos supón unha carga orzamentaria importante. Sobre o apoio do PP ao ensino público, Adán cominou ao director xeral a unha xuntanza cos docentes do Conservatorio Superior de Música para implantar as ensinanzas superiores que demandan,concluíu.