Adán alerta da "Primavera negra" que vive a Industria galega

A nacionalista acusa ao PP de preocuparse máis por “reducir a democracia” que por impedir a “caída libre e sen rede” do tecido industrial en Galiza

A portavoz de Industria do BNG, Carme Adán compareceu hoxe ante os medios de comunicación para presentar diversas iniciativas dirixidas a frear a destrución do tecido industrial galego.

Na súa intervención, Adán lamentou que o Partido popular gaste as súas enerxías en “reducir a democracia” cando o tecido industrial galego está a vivir o período “máis negro” da súa historia.

A deputada afirmou que a actividade industrial galega segue “en caída libre en sen rede e vivindo unha primavera negra” cunha continúa destrución de empresas e postos de traballo.

No mes de abril, dixo, perdéronse postos de traballo en T-Solar, Pórtico, Unísono, Caramelo, Gamesa e materializáronse EREs nas empresas auxiliares de automóbiles. O sector eólico vive nunha “absoluta parálise” ante a “inoperancia” da Consellería de Industria e e unha actitude de “mero espectador” por parte do Goberno de Feijóo.

Pescanova, empresa sistémica para a economía galega

Para a nacionalista, esta “sangría de postos de traballo” no tecido industrial galego verase incrementada se non se arranxa definitivamente a grave situación económica pola que atravesa Pescanova.

“O conselleiro de Industria, debe comparecer no Parlamento” e explicar o que está acontecendo co tecido industrial galego no que nos últimos catro anos foi destruído o 60 por cento na comarca de Vigo, “nós estimamos, engadiu, que esta realidade é extensible a toda Galiza” de aí a nosa reclamación para que compareza Conde na Cámara galega.

Ao seu xuízo, o titular de industria debe explicar que plan de “viabilidade para Pescanova” vai poñer en marcha o seu departamento destinado a garantir a actividade da empresa e os postos de traballo e tamén debe explicar as razóns polas que a Xunta negou os avais necesarios para reflotar esta empresa.

IGAPE e Sector Eólico paralizados

Sobre o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), Adán propuxo reconvertelo nun “organismo máis áxil para dar crédito as industrias e empresas galegas” e pediu que o conselleiro de Industria valore a posibilidade de transformalo nun “ Instituto de Crédito oficial galego” co fin acudir aos mercados financeiros e xerar crédito real.

Outra das propostas presentadas polo BNG teñen a ver co sector eólico, neste momento, dixo, “paralizado”, con empresas deslocalizadas e outras moitas pechadas definitivamente.

Neste aspecto, Adán lembrou que Canarias acadou o compromiso do Goberno central para obter un sistema de primas ás enerxías renovables antes do verán, o BNG, indicou, leva pedindo dende o cambio da normativa no Estado, que “o ministro e o propio Rajoy analicen a situación galega, e ao igual que Canarias, sexa eliminada a penalización a estas enerxías restituíndo as primas”.

O PP quere reducir a democracia en Galiza

A preguntas dos xornalistas sobre a proposta do Partido popular de reducir o número de deputad@s na Cámara galega, Adán, afirmou enerxicamente que, en Galiza existen graves problemas como o de Pescanova e a destrución do sector eólico pero poderiamos tamén referirnos a outros sectores castigados economicamente como o do comercio. Eses son os grandes problemas que temos hoxe, importantes problemas que a Xunta non está ou non quere resolver.

A parlamentaria lamentou que “a gran preocupación do Partido popular sexa reducir a democracia, gustaríame ver a Feijóo preocupado pola industria e polos postos de traballo que se poden perder en Pescanova, ese debería ser o seu cometido, mágoa que non teñamos goberno nin nada parecido”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG