A deputada cualificou de fallido o modelo forestal da Xunta e volveu a pedir a prohibición das plantacións do eucalipto nitens porque de non tomar medidas. esta especie invasora chegará a alta montaña
Pleno. A parlamentaria do BNG, Tereixa Paz defendeu unha proposición non de lei sobre as medidas a adoptar polo goberno para evitar a expansión das plantacións de eucaliptos nitens e garantir a biodiversidade e persistencia do medio rural.
A deputada explicou que o BNG non pide arrancar todos os eucaliptos, sobre todo, aqueles que están ben ordenados, o que defendemos, dixo, é que Galiza non sosteña un único modelo forestal para favorecer a ENCE porque se calquera de vostedes na súa casa pretende colocar un chan de friso de eucalipto non o vai a atopar en Galiza, terá que que importalo, porque modelo forestal galego só está destinado a subministrar pasta de papel e riqueza para ENCE.
Na defenda da iniciativa, a deputada lembrou que o contido da mesma reproduce as propostas de diferentes colectivos e asociacións ambientalistas e de defensa do medio rural a través dun manifesto baixo o lema Stop- eucalipto/Avante-carballo.
A iniciativa cínguese,dixo, a cinco aspectos que na maioría dos casos reclaman o cumprimento do marco normativo e legal pero tamén vai ao cerne da política forestal do noso país. Neste sentido, cualificou o modelo forestal galego de fallido como demostran os incendios forestais, a falta de valor engadido dos produtos forestais, a ausencia da segunda transformación da madeira ou que cortemos en Galiza máis do 50% da madeira de todo o Estado destinándoa á pasta de papel mentres simultaneamente importamos madeira para a transformación.
A parlamentaria reiterou que o debate debe centrarse no modelo forestal e o BNG o que propón é prohibir en Galiza a plantación de eucalipto nitens porque é unha especie invasora que transforma o medio e bloquea os ecosistemas. En opinión da deputada, o eucalipto nitens é atentatorio contra a riqueza natural e económica.
A deputada lamentou que o portavoz do Partido popular, José Manuel Balseiro anunciara o voto en contra á iniciativa do BNG destinada a prohibir as plantacións de eucaliptos nitens, porque de non tomar medias, afirmou, teremos esta variedade invasora ata na alta montaña.