Respaldo da esquerda da Eurocámara a Ana Miranda como relatora dunha resolución de condena do franquismo

Ana Miranda
Ana Miranda

O texto inclúe, grazas ao traballo da eurodeputada do BNG, a repulsa da denuncia contra os 19 de Meirás presentada pola familia Franco

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, acadou o respaldo de tres grupos de esquerda da Eurocámara -Verdes-ALE, GUE-NGL e S& D Socialistas- como relatora dunha “Resolución sobre o avance do neofascismo en Europa”, xunto a eurodeputada italiana Eleonora Forenza e a sueca Soraya Post. Esta Resolución, consensuada onte polos tres grupos, votarase na sesión plenaria do Parlamento Europeo do vindeiro 24 de outubro en Estrasburgo. “Ese día o Parlamento Europeo terá a oportunidade de retratarse e dicir alto e claro de que lado está: do lado da democracia ou do fascismo”, subliña Ana Miranda.

A Resolución, que partiu da iniciativa da eurodeputada Eleonora Forenza tras o ataque que sufriu por parte dun grupo de neofascistas o pasado mes de setembro, inclúe diversos casos que afectan ao Estado español, considerados como “liñas vermellas” pola eurodeputada do Bloque. Neste sentido, para Ana Miranda, resulta “imprescindible” que o documento recolla como caso condenable a denuncia que a familia Franco presentou contra os activistas que ocuparon pacíficamente o Pazo de Meirás en agosto do 2017 para reclamar a devolución deste inmoble. Ao respecto, o grupo de Memoria Histórica do Parlamento Europeo do que Ana Miranda forma parte xa condenou expresamente esta actuación da familia do ditador.

A proposta da eurodeputada do BNG -que forma parte do grupo Verdes-ALE- o documento tamén recolle a solicitude de ilegalización de asociacións, fundacións e grupos que exaltan o fascismo e o nazismo --entre as que se atoparía a Fundación Francisco Franco-, en cumprimento coa Directiva Marco para combater certas formas e expresións do racismo e a xenofobia. Neste sentido cita os 309 casos de violencia xenófoba que recolleu SOS Racismo no seu informe de 2016 ou o ataque ao Centro Cultural Blanquerna.

Val dos Caídos

Asemade, a decisión do Congreso de retirar os restos de Franco do Val dos Caídos é outro dos elementos defendidos no texto, no que se pide ás autoridades que "eliminen efectivamente todos os símbolos ou monumentos restantes que exaltan o levantamento militar, a Guerra Civil e a ditadura de Franco e pide que aqueles que non poidan ser eliminados, estean suxeitos á necesaria contextualización e reinterpretación".

Ana Miranda afirma que esta resolución “é froito da preocupación pola normalización dos discursos fascistas e racistas en Europa e polo aumento das medidas antidemocráticas que limitan os dereitos. Fronte a esta situación non podemos quedar de brazos cruzados. Temos que actuar e impulsar que os Estados Membros tomen medidas que poñan freo a esta violencia, pois contra o fascismo, tolerancia cero".

 
 
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG