O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, dirixiuse no pleno ao Presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, para reclamarlle un novo modelo de financiamento máis xusto, condonación de débeda e que impulse o autogoberno de Galiza coa transferencia de todas as competencias.
O Presidente do Executivo español respondeu estar disposto a impulsar o Autogoberno da Galiza e a transferir competencias, máis, recalcou, “para iso é necesario que a Xunta o pida”. Garantiu a Rego o cumprimento íntegro do Acordo de Investidura asinado co BNG.
Rego reclama un financiamento singular para Galiza
O deputado do BNG sinalou que a Galiza “é unha nación rica en recursos e con inmensas potencialidades, mais empobrecida debido ás políticas de discriminación e espolio dos nosos recursos e dos nosos impostos”
Rego afirmou que o actual sistema de financiamento é “profundamente inxusto con Galiza” e non ten sequera en conta cuestións singulares da Galiza como a dispersión poboacional, que encarece todos os servizos. Neste sentido, salientou como exemplo que “temos o 6% do territorio do Estado e o 28% do gasto total estatal en transporte escolar”.
Profundou nos dados, enfatizando que no ano 2021 a diferenza entre o que pagamos en impostos os galegos e as galegas e o que recibimos do Estado se situou en 5.080 millóns de euros. “5.080 millóns que perdemos nun país que está á cola do Estado en indicadores socioeconómicos e de calidade de vida”, polo que fica claro que “se alguén precisa dun financiamento singular esa é a Galiza”.
Nese sentido, reclamou que a administración galega poida recadar todos os impostos e negociar bilateralmente co Estado que parte entregar para os servizos que se poidan considerar comúns. “Non é nin imposíbel nin ilegal”, espetou, lembrando que xa se fai desde hai máis de corenta anos en Euskal Herria.
Condonación de débeda e avanzar no traspaso de competencias pendentes
Outra das cuestións que puxo sobre a mesa e que está no Acordo co BNG é a condonación da débeda á Galiza “na mesma proporción que outras CC.AA”.
Galiza, recalcou, “ten a condición constitucional de nacionalidade histórica, xunto con Euskadi e Cataluña”. Porén, “décadas do Goberno do PP implicaron que teñamos moi pouco desenvolvido o noso autogoberno”. Sinalou que o BNG defende a soberanía da Galiza, mais frente a un PSOE e un PP que “nin exercen o autoproclamado autonomismo”, ten que ser o BNG quen reclame como mínimo o cumprimento do Estatuto. Nesta liña, manifestou que son máis de 35 as competencias aínda sen transferir. No Acordo, indicou, “asumiron a disposición a transferilas todas”.
Recoñecendo que teñen “enfrente un PP sen interese en recibilas”, “se poden porse de acordo noutras cuestións, tamén nesta”. Instou a Sánchez a tomar a iniciativa para emprazar ao Goberno galego a sentar na Comisión Mixta de Transferencias.
Sánchez a Rego: a pelota está no tellado da Xunta
Sánchez respondeu a Rego que “por suposto estamos dispostos a avanzar no autogoberno da Galiza”, mais, recalcou, “para iso é necesario que o Presidente da Xunta o solicite. Asegurou ao deputado do BNG que vai cumprir o Acordo de investidura asinado co BNG, expresando o “absoluto compromiso por cumprir todos os aspectos que están no Acordo de Investidura”.
Na réplica ao BNG, o Presidente do Executivo español amosou a súa disposición a impulsar o autogoberno da Galiza “cun trato análogo a outros territorios” na cuestión da condonación da débeda. En canto ao financiamento, Sánchez limitouse a sinalar que está disposto a mellorar o financiamento da Galiza “respectando a súa singularidade”.
Na cuestión das transferencias, reiterou o compromiso de impulsar o autogoberno da Galiza “mais correspóndelle á Xunta pedir traspasos de servizos”. Concluíu, asegurando que se vai cumprir integramente o Acordo de Investidura e mencionou a creación dos 5 xulgados de violencia de xénero, os descontos na AP-9 e AP-53, infraestruturas de transporte e plurilingüismo.