parlamento galego

O PP vota en contra da iniciativa do BNG para que a Xunta asuma a xestión directa das brigadas helitransportadas

María Albert
María Albert
María Albert demanda contratar os medios necesarios para cubrir esta campaña, abandonar o sistema de urxencia como forma habitual de contratación de medios aéreos e asumir “progresivamente como propia” a xestión desta parte fundamental do servizo de prevención e extinción de incendios forestais.

A portavoz de Montes do BNG, María Albert demandou, a través dunha proposición non de  lei, a “xestión directa das brigadas helitransportadas de extinción de incendios” e  paralizar o procedemento de contratación de helicópteros e brigadas  substituíndoo por un contrato dunha única anualidade que garanta a integridade do servizo nesta campaña de incendios.

Ademais, a iniciativa do BNG tamén incluía proceder á progresiva extinción dos contratos externos de servizos aéreos para o servizo de Prevención e Defensa contra os Lumes substituíndoos por medios aéreos públicos e brigadas helitransportadas da Xunta de Galiza para garantir non só a maior calidade do servizo, senón tamén as condicións laborais dos e das  traballadoras.

Na defensa da iniciativa, María Albert explicou que a Consellaría do Medio Rural, define  como “urxente” e de “medio necesario para o normal desenvolvemento das funcións propias” o servizo de brigadas helitransportadas dentro da estrutura organizativa do Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais. Sen embargo, a pesar  de consideralo “un medio necesario”, explicou, “o PP insiste  en manter esta parte do servizo fóra da estrutura orgánica da propia Xunta de Galiza.

Neste sentido, explicou que  mentres técnicos, axentes, vixilantes, emisoristas, brigadas de terra, xefes de brigada.... son persoal laboral e funcionario da Consellaría do Medio Rural, o persoal e os medios materiais necesarios para as brigadas helitransportadas confórmanse de xeito externalizado e preguntou  por que o feito de traballar nunha helitransportada e non nunha brigada de terra ten que levar aparelladas peores condicións laborais? porqué este servizo esta privatizado?

Para a  Albert, esta privatización é sinónimo de “ negocio”. A xunta malvendeu helicópteros propios “por obsoletos” a empresas privadas para despois realugarllelos. E, a maiores, a  Xunta atrasa sistematicamente as contratacións até o principio das temporadas de risco alto para poder prorrogar contratos sen facer novas licitacións.

Nun informe de  finais de 2014, o Consello de  Contas analizou o proceso de xestión dos principais contratos de helicópteros da Xunta, “nove contratos por un importe total de 63,8 M€ dos que 7 contratos por  62 millóns foran a parar a INAER , a actual Babcock,  e en todos eles, o consello de Contas  atopou irregularidades.

No BNG entendemos que o Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais (SPDCIF) ten que estar baixo un mando único. Que a dispersión do programa de prevención e extinción entre Xunta, Brigadas Municipais, Medios Estatais, Exército, por unha banda e  medios públicos e privados pola outra só entorpece o bo funcionamento e a boa coordinación do servizo

Cremos, reiterou a nacionalista  que non é de recibo que as brigadas helitransportadas sexan o parruliño feo dentro dos medios dispostos pola Xunta de Galiza. Que o persoal destas brigadas ten que ter, garantidas as mesmas condicións laborais que o resto dos traballadores do servizo.

Por iso reclamamos que se contraten os medios precisos para cubrir esta campaña, se abandone o sistema de urxencia como forma habitual de contratación de medios aéreos e que  progresivamente se asuma como propia a xestión desta parte fundamental do servizo de prevención e extinción contra incendios forestais, reclamou a deputada do BNG.

O PP votou en contra da iniciativa defendida pola deputada nacionalista, María Albert.
Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG