A deputada do BNG, Mercedes Queixas denuncia o "veto" do PP, por segunda vez, na mesa da Comisión de Educación e Cultura do Parlamento para que un representante das organizacións sociais asinantes da Proposta de bases para a normalización lingüística no ensino, compareza no Parlamento.
Queixas reproba a “hipocrisía do PP” que en período electoral mantivo un encontro cos representantes das organización sociais e agora, afirma a nacionalista “péchalle as portas” do Parlamento.
O PP, explica Queixas, volve empregar a maioría absoluta para pechar a porta da Cámara galega a unha de representación da sociedade que está a demandar outra política lingüística no ensino e reverter a grave involución na aprendizaxe e uso do galego nas xeracións máis mozas".
A nacionalista explica que este novo veto á lingua galega por parte do PP, impide que un representante dos colectivos asinantes do documento (AS-PG, NEG, ANPAS GALEGAS, MNL, CIG, STEG, CSIF) presente no Parlamento a proposta de bases para a normalización lingüística no ensino, proposta que xa foi presentada aos grupos da cámara durante a campaña electoral.
A parlamentaria do BNG recalca que o PP está a limitar, por segunda vez , con os dereitos democráticos das deputadas e deputados do BNG para poder desenvolver o seu traballo parlamentario segundo o articulado do Regulamento do Parlamento.
Para Mercedes Queixas, o veto do PP representa outra proba da "nula vontade dialogante do Partido popular " e a súa incapacidade para se converter en verdadeiro axente normalizador do galego entre a sociedade galega.