Pontón: "Por que unha veciña da Coruña recibe a metade para financiar servizos que unha de Madrid?"

Ana Ponton en rolda de prensa con responsables municipais das cidades.

No medio do “paripé preelectoral” Das forzas estatais estes meses Galiza estivo “desaparecida” pero os seus problemas seguen igual de vixentes, como a discriminación dos concellos galegos no reparto dos fondos que chegan a través da Participación nos Ingresos do Estado (PIE).

Ana Ponton en rolda de prensa con responsables municipais das cidades.

Os datos mostran que cada concello galego recibe 50 euros menos por habitante ca media estatal para o financiamento de servizos municipais, o que significa que os municipios galegos perderon 136 millóns de euros só en 2016, e 1.512 millóns de euros desde a entrada en vigor do actual sistema en 2004.

Unha discriminación que afecta especialmente ás urbes do país, cunha media de 252,7 euros por habitante neste exercicio fronte aos 499,63 euros de media das grandes cidades do estado que superan os 500.000 habitantes, -Barcelona, Madrid, Málaga, Sevilla, Valencia e Zaragoza-.

“Non entendemos porque un veciño ou unha veciña de Lugo, da Coruña de Pontevedra ten que ter a metade de recursos para financiar os seus servizos que un veciño ou veciña de Madrid, Barcelona ou Málaga”, indicaba a portavoz nacional, Ana Pontón, tras o encontro cos e coas responsables municipais do BNG nas grandes cidades galegas, e co rexedor de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.

Para o Bloque é “unha prioridade” modificar este financiamento discriminatorio “e acabar co réxime de privilexio das grandes cidades do Estado, que co 16% da poboación acaparan o 33% da PIE”, -11.341 millóns de euros neste exercicio-, explicou a dirixente nacionalista.

Ante o “pasotismo” de Feijóo ao longo de sete anos de goberno, o Bloque aposta polos concellos para dar o debate e anuncia que presentará unha moción en todos os municipios reclamando unha posición de país para mudar un modelo inxusto. “Como pode ser que Málaga reciba o mesmo financiamento que as cidades galegas xuntas?” interpelaba Pontón.

Ana Ponton en rolda de prensa con responsables municipais das cidades.

“Imos levar a todos os concellos e a todas as cidades unha moción para que as cidades galegas se alíen na defensa dun financiamento xusto e acabemos co réxime de privilexio que teñen as grandes cidades do Estado” explicou Pontón, para quen os datos de reparto da PIE é unha proba máis “que desmonta o mito de que Galiza está sobre financiada ou que vivimos da solidariedade do Estado”.

Por contra, o BNG aposta pola “autonomía fiscal plena” tamén no financiamento local, que teña en conta cal é o custe efectivo para a prestación de servizos desde a realidade dos municipios do país.

Candidatura de unidade

En relación a fórmula de concorrencia electoral, Pontón volveu explicar que o BNG propón unha candidatura de unidade de todos e de todas as nacionalistas contra o “desastre” que deixan as políticas da dereita, seguindo a folla de ruta marcada pola militancia. “Pensamos que esa é a alternativa que suma para superar os problemas que ten Galiza”, respondeu a preguntas dos medios.

Ante unha repetición das eleccións xerais, o BNG segue apostando por darlle ao país “unha voz forte que defenda aos galegos e as galegas” en Madrid. “Nun escenario sen maiorías absolutas, que Galiza teña deputados nacionalistas condicionando o resultado sería moi positivo para solventar os nosos problemas”, argumentou.

Marca electoral

Pontón confirmou que o BNG iría a unhas novas xerais coa súa marca electoral na papeleta de voto, en coherencia coa decisión adoptada pola militancia de cara aos comicios galegos.

“Entendemos que é importante que os e as electoras teñan claro que votan, e imos presentarnos coas siglas do Bloque Nacionalista Galego sumando a outras persoas e forzas políticas que confluíron con NÓS-Candidatura Galega e seguir traballando con elas nesa unidade en defensa de Galiza”, concluíu Pontón.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG