A portavoz nacional, Ana Pontón, tirou de símil do Nadal para comparar os orzamentos de 2025 con eses agasallos de bonito envoltorio pero que só esconden carbón. “Carbón para a sanidade e educación públicas, para a xente moza que quere acceder a unha vivenda e un emprego digno, carbón para as mulleres que loitamos pola igualdade ou carbón para as persoas maiores que teñen dereito a unha vellez digna”, enumerou na súa intervención no debate final das contas de Galiza.
“Carbón para galegos e galegas, mentres lle poñen unha alfombra vermella ás eléctricas e ás multinacionais como ALTRI para que se forren a costa dos recursos destes País, mentres aquí deixan destrución e contaminación, iso son os orzamentos do PP”, sintetizou, tras poñer en valor a histórica manifestación en contra da macrocelulosa, unha bomba ambiental coa que o goberno de Rueda evidencia que non ten proxecto de futuro, porque estamos ante o PP do non a Galiza e ante o presidente máis desleal da historia.
“O seu proxecto é o espolio enerxético e dos recursos naturais, deteriorar os servizos públicos mentres benefician á privada, é un país low cost de vidas precarias; o seu proxecto é converter o galego nunha lingua residual. Non teñen proxecto de futuro para este país, porque en realidade son o Partido Popular do non: non a todo o que supoña defender os intereses deste País, e non a todo o que supoña mellorar a vida da maioría social”, denunciou.
Un non a Galiza que o PP completa coa súa “deriva absolutista e antidemocrática”, de tal xeito que o “dialogante” Partido Popular, ironizou, botou por terra todas e cada unha das 580 emendas presentadas polo BNG co obxectivo de mellorar a vida das persoas, “nin unha soa”.
Pontón explicou con exemplos por que o PP está convertido no partido do non a Galiza, empezando polo seu non á sanidade pública vetando a proposta de reforzar atención primaria con 250 M€ para dotar ós centros de saúde de novas especialidades, como psicoloxía clínica, logopedia e fisioterapia. Votando non a destinar 130 M€ para acabar coas listas de espera, pese a que non deixan de medrar, a dotar de unidades de hospitalización infanto-xuvenil a todas as áreas sanitarias e o voto en contra a un Plan urxente de atención á saúde mental de 20 M€.
Son tamén o PP do non a mellorar o ensino público, explicou, votando en contra de reforzar persoal e da gratuidade dos libros de texto; do non a aumentar os fondos para loitar contra o machismo, ignorando a proposta do BNG de 130 M€ para combater a violencia de xénero, “parécelles moito destinar o 1% do orzamento a preservar a vida das mulleres” e, mentres, privatizan o servizo 24 horas de atención ás vítimas.
O mesmo sucede cando se trata de avanzar en igualdade, cun goberno que di non a establecer áreas de conciliación nos centros de traballo; a que se cumpran os acordos do Parlamento en atención ás mulleres con endeometriose ou cando se negan a apoiar un Plan de loita contra a pobreza en familias monoparentais.
O debate sobre as contas públicas constatan que son o PP do non ás persoas maiores, afondou Pontón, votando en contra de aumentar en 15 M€ o financiamento do SAF, pese a que as listas deste servizo esencial para as familias están colapsadas e só se abren por falecementos. “Non se dan conta de que estamos falando de persoas?”, interpelou a líder do Bloque. Estamos ante un goberno “que vulnera os dereitos dos maiores, provocando un deterioro da súa saúde e tamén das persoas que as coidan”.
Especular coa vivenda
Pese á propaganda oficial, os orzamentos demostran son o mesmo Partido Popular do non que se pasou quince anos dinamitando a política social de vivenda, de tal xeito a medida estrela e baixarlle impostos ás grandes fortunas, construtoras e fondos voitre que decidan comprar ou construír pisos para alugar sen limitación de prezo. “Esta é a súa gran aportación os mozos e moxas que non poden emanciparse porque non poden pagar un aluguer”, denunciou.
Un goberno responsable sabe que o futuro pasa pola ciencia, “pero votan en contra dun Pacto galego pola ciencia con 250 M€, que incluía a creación do INNOGAL”, igual que vetan todas as emendas para apoiar ós sectores produtivos e ao rural, “e volven deixar claro que son o PP do no a Galiza e o do si ás eléctricas, reforzando un modelo enerxético en contra do País e en contra do medio ambiente”.
E os orzamentos tamén confirman que son o PP do non ao galego, “porque a súa pretensión é impoñer o monolingüísmo en castelán e reducir o galego a unha lingua de uso residual, e por iso, pese a situación crítica do noso idioma, manteñen o recortazo ao galego nos orzamentos de 2025 e, por iso, votan en contra do Plan estratéxico cara un tempo novo para a lingua, con 30 M€”, explicou.
“Son o Partido Popular do non: non a ter máis e mellor sanidade pública; non a aumentar os medios para loitar contra a violencia machista, non a deixar de facer negocio coa vellez; non a un modelo enerxético que poña Galiza por riba das eléctricas; non a unha política social de vivenda, non a ter máis autogoberno de non ao galego, cunha contumacia digna de mellor causa”, sintetizou a portavoz nacional
“Os orzamentos son a demostración de que estamos ante un goberno sen proxecto de País e ante o presidente máis desleal da historia de Galiza. O noso obxectivo era, humildemente, mellorar a vida dos galegos e das galegas e pese a súa soberbia e a súa deriva autoritaria non imos deixar de traballar por este País e pola súa xente con máis forza e máis enerxía que nunca”, concluíu.