A portavoz nacional, Ana Pontón, reclamou aos gobernos que actúen en defensa das maiorías sociais e desenvolvan medidas, tanto “a curto prazo como estruturais”, que lles permitan afrontar a actual crise de prezos porque, segundo advertiu, moitas das que se están tomando “son contrarias á maioría”.
Pontón recalcou que medidas como a suba dos tipos de interese e, polo tanto, das hipotecas, prexudican ás familias, para as que en moitos casos 100 euros máis ao mes son inasumibles -“é a diferencia entre comer a última semana do mes ou non”, alertou- e tamén prexudican ás pequenas e medianas empresas, ao restrinxirlles o acceso ao crédito.
Así o afirmou na presentación en Ourense -xunto ao portavoz municipal, Luís Seara, e a deputada Noa Presas- da campaña Contra a crise de prezos, hai alternativa que o BNG está a desenvolver por todo o País e que concluirá o próximo 18 de decembro cunha manifestación en Santiago para reclamar precisamente medidas que posibiliten unha saída xusta e digna a esta crise.
Durante a súa intervención, a líder nacionalista apuntou que, en Galiza, estes fenómenos globais tamén se dan coa “concentración de riqueza en poucas mans”, a maioría alleas ao País e situadas territorialmente, sobre todo, en Madrid, que continúa absorbendo investimentos e poboación. “Polo que se albisca, preténdense reforzar aínda máis esas tendencias tan nocivas e desfavorábeis para Galiza e as súas clases populares”, indicou, para engadir a continuación que “temos que actuar contra este duro pau da inflación que se ensaña con quen menos ten e que vai aumentar as desigualdades sociais e territoriais”.
Logo de cualificar como unha “estafa inaceptable” os beneficios de sectores como o enerxético ou o financeiro, lobbys económicos dos que dixo “estanse a forrar nesta crise”, Pontón concluíu avanzando que o BNG vai seguir reclamando nas institucións e nas rúas medidas que protexan ás maiorías sociais fronte a unha inflación que é xa “o principal problema que temos sobre a mesa” e que está afectando dun xeito moi claro aos galegos e galegas, cun IPC en Galiza por riba da media estatal -pese a ter os salarios á cola e as segundas pensións máis baixas- e cun horizonte na que as previsións de crecemento para o ano que vén, segundo algúns expertos e expertas, son de “cero crecemento", a peor cifra de todos os territorios do Estado.
A portavoz nacional do BNG concluíu facendo un chamamento á participación na manifestación do 18 de decembro porque penalizar a familias e pemes non pode ser a solución nunha crise que, segundo asegurou, non responde a un aumento da demanda senón que xa era anterior á guerra de Ucraína e que se sitúa nun contexto de transformacións de fondo a nivel internacional no que asistimos a unha reconfiguración do reparto de poder e influencia no mundo.