Pontón na recollida de avais electorais: "Dous deputad@s do BNG poden ser decisivos en Madrid"

Ana Pontón, portavoz nacional na recollida avais electorais na Coruña

A portavoz nacional, Ana Pontón, participou na céntrica Praza de Lugo da Coruña nun acto público de recollida de avais electorais organizado polo BNG de cara a presentación da súa candidatura aos comicios xerais do 26X, acto que aproveitou para subliñar o “orgullo” de concorrer á cita con apoio de miles de galegos e galegas.

“Esto é como consecuencia dunha recente reforma electoral pactada polo PP e polo PSOE, pero o BNG converte esta limitación nunha oportunidade e nun motivo de orgullo poder presentarse co aval de miles de cidadáns que, coa súa sinatura, apoian a presentación da nosa candidatura”, explicou Pontón.

A espera de que o prazo de recollida de avais se peche o vindeiro luns, o BNG xa ten recollido máis de 8.000 apoios por todo o país, unha cifra que cuadruplica a esixencia legal de presentar un número de sinaturas equivalente ao 0,01% do censo electoral. Un apoio que Pontón interpreta como a “ilusión” de moitas persoas por ter unha segunda oportunidade que lle permita a Galiza recuperar a voz que perdeu en Madrid.

Ana Pontón, portavoz nacional na recollida avais electorais na Coruña

“É unha mostra do sentir do que percibo en moitas persoas ilusionadas nesta segunda oportunidade para que Galiza recupere voz no Congreso que defenda os nosos intereses nun contexto sen maiorías absolutas”, explicou Pontón, quen ademais subliñou que nese contexto “dous deputados ou deputadas do BNG poden ser a chave para a conformación do próximo goberno e iso sería moi positivo para Galiza e para darlle un cambio real as políticas do PP que recortaron servizos públicos, igualdade e machacan dereitos”.

O fracaso de PSOE e de Podemos para dar unha alternativa a Rajoy convértese nunha “segunda oportunidade” para todos os galegos e galegas que queren que Galiza “deixe de ser espectadora”, como sucedeu ao longo dos meses de sobreactuación teatral que sucederon ao 20D, e tamén unha segunda oportunidade para un “cambio real”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG