Na iniciativa, a parlamentaria do BNG tamén pregunta cantos días a semana vai a actuar Milagros Otero como tertuliana na Radio Galega e con que prestación económica.
A deputada do BNG explica que o xoves 19 de setembro no Faladoiro do Galicia por Diante, da Radio Galega, volveu incorporarse Milagros Otero, ex-Valedora do Pobo e antiga comentarista.
Otero ocupou a máxima responsabilidade á fronte da Valedoría do Pobo, entre 2015 e 2019 e a súa saída da institución veu provocada pola resolución do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza en relación ao nomeamento “de maneira irregular” de María Fraga, sobriña do ex-presidente da Xunta de Galiza e irmá do portavoz do Grupo parlamentario popular.
Rodil salienta que o alto tribunal sinalou “desvío de poder” e “arbitrariedade” no nomeamento da xefa de servizo da Valedoría do Pobo, María Puy Fraga.
Para a deputada nacionalista, o proceder de Milagros Otero, “absolutamente caciquil”, non só no nomeamente senón nos meses posteriores á resolución xudicial en que se negou a deixar o cargo co apoio do Partido Popular, causou un forte prexuízo sobre unha institución que ten entre as súas obrigas velar polos dereitos das galegas e galegos, ante á Administración”.
Rodil cualifica de “escandaloso e indignante” que a radio pública conte entre as persoas que analizan e comentan a actualidade política cunha persoa que non só executou prácticas caciquís senón que se negou a asumir as consecuencias dos seus actos, “co imprescindíbel apoio do Partido Popular”.
Lonxe de admitir o que foi demostrado xudicialmente e presentar a súa renuncia inmediata para salvagardar a “pouca vergoña que lle puidese quedar” a ex-Valedora decidiu iniciar unha fuxida cara á diante, coa connivencia e amparo do Partido Popular, “ensuciando” a imaxe da Valedoría do Pobo e do propio Parlamento”.
Rodil afirma que Milagros Otero, ex-Valedora do Pobo, quixo bloquear e torpedear os mecanismos parlamentarios para a súa destitución do cargo, contando co “apoio inquebrantábel do Partido Popular”.