“Non cuestionamos a súa solvencia senón o proceso de renovación”, recalcou a portavoz nacionalista na Comisión de Petición, Montse Prado, “repetindo erros do pasado e facendo unha proposta sen consenso, sen acordo, sen diálogo”. De novo o PP, co apoio do PSOE, vai “impoñer unha candidata de parte” como se fixo en 2015 “con reparto de cadeiras e con consecuencias nefastas e dando paso ao deterioro da institución”.
Prado tamén reprochou á candidata María Dolores Fernández que a súa intervención ante a Cámara “podería valer tanto para Galiza como para Murcia”, obviando cuestións tan relevantes como a da utilización do galego na relación coa Administración pública pese a ser este un dos asuntos que máis queixas acumula ante a institución que aspira a asumir.
“Por exemplo, no SERGAS hai documentación e información á que non se ten acceso no idioma propio”, alegou, antes de preguntarlle á candidata se vai considerar “relevante” plantar cara ao acoso que sofre o galego en particular desde o Goberno do PP. Prado tamén botou en falta na exposición de Fernández compromisos a favor da defensa de dereitos como o acceso a un traballo digno, “empezando por denunciar os contratos de horas que se traducen en centos de contratos ao ano no SERGAS, é dicir, precariedade e explotación laboral desde a Administración pública”.
Tamén faltaron cuestións como a defensa dos dereitos das persoas con algún tipo de discapacidade que non está recibindo a axuda que lle correspondería aplicando unha Lei de Dependencia que se incumpre sistematicamente, ou a protección dos dereitos das persoas LGTBI. Ausentes tamén estiveron cuestións como a fenda dixital, “que rompe o acceso a un servizo fundamental”, ou a discriminación no acceso aos servizos bancarios e a desprotección contra os abusos das entidades financeiras.
“Estamos ante a repetición do mesmo pacto bipartidista PP e PSOE que se levou a cabo en 2015 de reparto de cadeiras nas institucións, -Valeduría do Pobo, Consello de Contas e CRTVG-, coas consecuencias por todos e todas coñecidas, que concluíu cunha sentenza contra a anterior valedora nada menos que por enchufismo da irmá do actual portavoz parlamentario do PP”, indicou a deputada.
“E facendo o mesmo non se pode chegar a resultados diferentes. Por iso moito nos tememos que podemos estar de novo ante unha valedora do pobo de parte, eu mesma lle preguntei a candidata se estaba preocupaba por este asunto e a ausencia de resposta fainos pensar o peor”, argumentou Prado tras anunciar o voto en contra da formación nacionalista.
“Co Bloque non se quixo contar nin para falar nin para consensuar, non houbo o máis mínimo achegamento, parécenos un pésimo método e procedemento pese ao malísimo precedente con tan graves consecuencias para a credibilidade da institución”, concluíu.