O BNG reitera a súa petición de consenso para renovar a Valeduría do Pobo abrindo un proceso de negociación entre todas as forzas parlamentarias que permita designar a unha persoa de recoñecida traxectoria na defensa dos dereitos colectivos e sociais, ao tempo que alerta contra un “pacto de despachos” entre PP e PSOE repetindo unha fórmula que deu “resultados nefastos” e sumiu á institución “nun descrédito sen precedentes”.
Así o explicou a viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, tras a Xunta de Portavoces.
“Comezamos mal, moi mal, para renovar unha institución desprestixiada entre outras razóns polo empeño do PP de manter ao fronte a unha persoa condenada por nepotismo e por caciquismo, nada menos que por colocar á irmá do portavoz parlamentario do PP. E despois de ter desoído durante meses a petición do BNG de cese da valedora, agora quere facer unha renovación a fume de carozo e sen negociación nin diálogo”, criticou.
Desde a formación nacionalista proponse abrir un proceso de negociación e diálogo “para establecer o perfil da persoa máis acaída que, para o Bloque, debería ser unha persoa con traxectoria na defensa dos dereitos sociais e colectivos e evitar que volvamos ter unha valedora de parte que defenda os intereses do PP e do Goberno de Feixóo”, explicou Rodil quen, sen embargo, ve na proposta presentada a antesala do pacto bipartidista alcanzado en 2015 por PP e PSOE, cos resultados coñecidos.
Repetir os erros “non é o procedemento nin a maneira, non se quere ir a un proceso que permita tecer consensos, e moito nos temos que se vai repetir o escenario de pactos nos despachos de tan nefastos resultados para a Valeduría do Pobo”, recalcou Rodil.
En todo caso, a renovación desta institución será debatida no pleno extraordinario do 31 de xullo, no que tamén está incluído a votación final do Proxecto de Lei de Patrimonio Natural, que conta coa oposición do BNG e do conxunto das organizacións ambientais, ecoloxistas e conservacionistas do país. “Prima os intereses dos lobbies forestal, mineiro e enerxético sobre a conservación do territorio e da biodiversidade”, resume Rodil.
Pregunta pola fallida sesión de investidura, a viceportavoz parlamentaria fixo unha dobre reflexión.
“A primeira é que se abre un escenario incerto onde non se descarta a repetición de eleccións e, nese caso, o BNG quere deixar claro que irá a por todas para que Galiza recupere voz propia en Madrid porque, como demostrou o debate, é a única forza capaz de conseguir que Galiza recupere peso político no Estado, tras comprobar no debate que para os partidos estatais non existiu. Conducen a este país á irrelevancia política sen que defendan os intereses dos e das galegas como ben puidemos comprobar”, subliñou a viceportavoz parlamentaria.
Rodil tamén fixo referencia ao “comprensible fastío” dunha gran parte da cidadanía ao comprobar que as que se presentan como forzas progresistas e de esquerda “foron incapaces de chegar a un acordo, enredadas nunha pelexa polo reparto de cadeiras e ministerios. Entendemos ese cansazo e reitero que o Bloque está preparado para conseguir que Galiza volva ter voz propia no Congreso en caso dunha repetición electoral”, concluíu.