Olalla Rodil: “A crise económica da pandemia non golpea a toda a poboación por igual”

Olalla Rodil
Olalla Rodil
Afirma que a crise empeora as condicións materiais de vida das traballadoras e reforza os roles de xénero tradicionais, patriarcais e machistas

A través dunha interpelación ao goberno, a parlamentaria do BNG, Olalla Rodil afirmou que “a crise económica provocada pola pandemia non golpea a toda a poboación por igual” e a crise da Covid non tivo o mesmo impacto “na clase traballadora que nas grandes fortunas”. “Mentres as estimacións apuntan a un incremento da pobreza, que alcanzou en 2020 a 60.000 galegas e galegos máis; os ricos dispararon o beneficio dos seus investimentos no medio da crise”, afirmou a nacionalista.

Por outro lado, “a crise económica non afecta igual a todas as clases sociais pero ademais, na clase traballadora tamén diferencia entre homes e mulleres”. Neste sentido, dixo, o BNG quere facer unha reflexión para introducir a “perspectiva de xénero” e comprender porque a pandemia da COVID ten un impacto “máis duro” neste colectivo.

Para falar desta cuestión, argumentou temos un exemplo claro no informe enviado pola consellería de Emprego e Igualdade á Comisión de reactivación. “Ningún dato, referencias vagas a documentos internacionais e ningunha medida concreta sobre Galiza. Agardo que hoxe, inqueriu a deputada, a conselleira aporte algún dato máis a esta interpelación e confirme se teñen feito esta reflexión no que vai de ano.

Non estamos ante algo “baladí”, porque  a crise actual constata “unha  involución, un retroceso que supera o aspecto económico”. Esta crise, non só  empeora as condicións materiais de vida das traballadoras reforza “os roles de xénero tradicionais, patriarcais e machistas” como o de nai-coidadora

Destrución do emprego femenino

Segundo os datos da EPA, explicou a deputada do BNG, case 8 de cada 10 postos de traballo destruídos en 2020 estaban ocupados por mulleres. A onde foron? Ao paro? Non. Esa caída na ocupación das mulleres é case idéntica ao incremento da taxa de inactividade. Pasan a dedicarse, en grande medida, aos “labores do fogar”. Unhas 10.200 mulleres máis, aproximadamentem que en 2019, segundo a EPA, para  facernos unha idea gráfica, é o equivalente á poboación do concello de Foz.

Desde finais dos anos 90 e coa  incorporación masiva de mulleres ao mercado laboral, a tendencia foi incrementar a taxa de actividade das mulleres e a achegala á dos homes. Mesmo na crise financeira de 2009 que foi, precisamente, na que se produce un maior acercamento, “eramos máis iguais na desigualdade”.

Parafraseando a filósofa e feminista francesa Simone de Beauvoir, a deputada lembrou unha das súa citas,  “bastará unha crise económica, política ou relixiosa para que os dereitos das mulleres sexan cuestionados” e engadiu que as  actuais políticas provocan que as mulleres asuman por enteiro o traballo  de coidar e evidencian  que “a corresponsabilidade non é real”. Aparece nas leis pero “non existe”, sentenciou.

As mulleres teñen peores condicións laborais, maior temporalidade e os sectores con maior ocupación son os máis precarios, servizos, hostalaría, comercio…ademais de “lagoas nas cotizacións que repercuten moi negativamente nas futuras pensións”, recalcou.

Rodil tamén denunciou a fenda salarial xa case “normalizada” cunha diferencia do 21% nas distintas franxas de idade entre homes e mulleres.

Tras a intervención da consellaría de Emprego e Igualdade, a nacionalista replicou que estamos ante un escenario  que precisa políticas que pensen no futuro e afonden na “conciliación”.  O 91, 6% das excedencias por coidados de fillos e fillas  en Galiza son solicitadas por mulleres e o  87% de traballadoras  inactivas para coidados de crianzas e persoas dependentes son tamén mulleres. Para cando políticas pensadas para impedir que as mulleres  se vexan obrigadas a asumir  roles patriarcais e machistas? Que vai pasar coas mulleres máis novas que se incorporan ao mercado laboral?  Non podemos permitir “unha involución” que nos leve a 50 anos atrás e que consolide a desigualdade. O Goberno ten que traballar para mudar as condicións laborais das traballadoras do fogar, da  residencias, das investigadoras, gandeiras, caixeiras de supermercado, etc. concluíu.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG