Noa Presas, deputada por Ourense, valorou que “o proxecto que hai sobre a mesa é un despropósito de improvisación que sumada á falta de investimentos e compromisos do PP na Xunta e no Estado poñen en risco o barrio da Ponte e do Vinteún” “non soluciona a falta de permeabilidade entre a Ponte e o Vinteún nin cubre a necesidade de desconxestión do tráfico que precisa de aparcadoiros gratuítos e disuasorios nas proximidades, non de parkings privados carísimos como o actual ou o do CHUO”.
O BNG denuncia como “o proxecto está inzado de incoherencias, por exemplo non se avalía o impacto que pode ter unha estación de autobuses pegada a un centro de saúde que se cadra hai que ampliar vistos os atrasos no do Vinteún e a consolidación de poboación, non se teñen en conta a compatibilidade cos usos sanitarios nin o impacto do ruído nos doentes”.
Así mesmo, a nacionalista remarcou que o BNG bota de menos unha avaliación e propostas concretas e rigorosas arredor da seguridade “á conxestión do tráfico e os seus problemas súmase a falta de planificación de seguridade do proxecto, isto ten relación tamén coas incertezas canto ás medidas de seguridade da chegada da alta velocidade e que tipo de vía e de tren se implantará no noso país, desde logo non permitiremos un tren de segunda nin unha intermodal de segunda que só xere máis problemas”.
Presas remarcou que “para o BNG é grave a falta de transparencia e audiencia pública suficiente para información, non foi suficientemente publicitada e non se informou á veciñanza, ao que se suma o ridículo do plantón de Foster ao Alcalde onte; nós reclamamos participación real da veciñanza”. Tamén tildou de grave “a inseguridade xurídica da planificación urbanística, quedan lagoas legais e de planificación que non lle resolven as leis aprobadas ad hoc por Feijoo”.
Así mesmo, o BNG inclúe nas súas alegacións a necesidade dun plan de rexeneración ambiental e planificación dunha mobilidade integral e sustentábel, dun proxecto de planificación urbanística global, medidas para a salvagarda do patrimonio cultural e arqueolóxico e propostas para avanzarna necesidade de garantizar a xestión pública e transparente da contratación e axustar o tempo de execución para non converter a Ponte nunha obra permanente.