Galegas 2024

Noa Presas avanza que, fronte á propaganda do PP, o BNG subirá de maneira inmediata 100€ as pensións non contributivas

Acto Ribadavia
Acto Ribadavia

“Imos demostrar que se pode gobernar doutra maneira, que se pode facer máis e mellor. Este 18-F saímos a mellorar a vida da xente” afirma Noa Presas

Unha Presidenta coas mans libres para defender que Ribadavia teña unha conexión ferroviaria de primeira e impedir novos saltos xigantes como o que queren facer en Coto Novelle

O BNG avanza o incremento en 100€ das pensións non contributivas de maneira inmediata en canto lidere o goberno da Xunta de Galiza após 14 anos de goberno do PP onde só houbo unha suba e foi dun euro. A cabeza de lista do BNG por Ourense, Noa Presas, apunta que “cando Ana Pontón sexa Presidenta terá as mans libres para negociar co Estado para que Ribadavia teña unha conexión ferroviaria de primeira e non lle imporán novos saltos xigantes como o que queren facer en Coto Novelle”.

A cabeza de lista do BNG por Ourense, Noa Presas, mantén un encontro coa veciñanza de Ribadavia acompañada polo voceira municipal, Maite Rodríguez, o tamén candidato, Ramón Seoane, e o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego. Neste sentido, Rego sinalou que estas eleccións son as máis abertas dos últimos 15 anos e que o vindeiro 18F “é unha oportunidade histórica para Galiza frente ao abandono dos gobernos do Partido Popular”

Primeiro ano de goberno galego liderado polo BNG, coas mans libres

Presas, durante o encontro coa veciñanza, avanzou que o BNG recuperará as mesas do viño e elaborará –en colaboración co sector- unha Lei do Viño no primeiro ano de goberno. “Imos recuperar o Banco de Terras con medidas específicas para fomentar o arrendamento a longo prazo de superficies de cultivo de vide e favorecer agrupacións como a que se fixo no seu día en Santo André” destaca Presas.

Alén do máis, a cabeza de lista sinala que o BNG “ten algo que os demais non teñen: as mans libres para negociar por este País e defender os intereses dos galegos e galegas”. Exemplifica na mobilidade ferroviaria inexistente a día de hoxe en Ribadavia asegurando que “cando Ana Pontón sexa Presidenta ninguén a vai frear para negociar co Estado que Ribadavia teña unha conexión ferroviaria de primeira. Tampouco ningunha multinacional lle vai impoñer novos saltos xigantes como quere facer en Coto Novelle”.

Un PP nervioso que minte e oculta: Rueda e os anuncios

“O PP está tan desesperado que non para de manipular cos seus anuncios: o primeiro foi o anuncio do bono coidados e as tarxetas que recibiron as persoas maiores de 65 anos; agora, anuncia unha suba das pensións non contributivas mentres que en 14 anos só as subiron unha vez e foi unha suba dun euro” denuncia Presas. Neste sentido, a cabeza de lista avanza que o BNG incrementará inmediatamente 100€ as pensións non contributivas “para rematar coa inxusta situación de moitos ourensáns e, sobre todo, ourensás que non viron incrementada a súa pensión a pesar da suba descontrolada de prezos e o nivel de vida”.

A xente maior deste país, sinala Presas, “non é idiota e non merece un goberno que minta. Merece máis dereitos e menos propaganda”. “Imos impulsar un novo modelo de coidados porque a vellez é un dereito e non un negocio e temos que aprender do que vivimos na pandemia. Imos reforzar a atención á dependencia e imos mellorar o SAF, así como ampliar o número de prazas públicas de residencias e centros de días” sentenza Presas.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG