No Dia das Letras Galegas o BNG reclama devolver o galego aos ámbitos dos que foi "desafiuzado"

Ana Pontón

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón acusa a Núñez Feijóo de practicar unha política lingüística de “desafiuzamento” da lingua galega no Ensino, Sanidade, Xustiza e Medios de comunicación e insta ao Partido popular a votar favorablemente a Moción do BNG, que será debatida no vindeiro pleno, co fin de  “iniciar unha nova etapa para o noso idioma”

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón no inicio da manifestación

Na celebración do día das Letras Galegas, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón instou a Núñez Feijóo e ao Partido popular a mudar a política da Xunta contra a lingua galega e a acatar as recomendacións do Comité de Expertos e do Consello de Europa para iniciar “unha nova etapa” que devolva o galego aos ámbitos dos que está sendo “desafiuzado”.

Ana Pontón manifestou que hoxe, “Día das Letras Galegas” celebramos que temos unha lingua propia que nos fai estar no mundo e como dicía Manuel María “Galiza somos nós e máis a fala, se buscas a Galiza en ti tes que atopala”.

O PP practica unha política de "escrache" contra a lingua galega

Pero hoxe, engadiu a portavoz nacionalista, tamén queremos denunciar a política de “escrache” do goberno de Feijóo co que intentou desafiuzar o galego do ensino, reducir a súa presenza nos medios de comunicación, na sanidade e noutros ámbitos no que o galego está a dar un paso atrás. Nestes sete anos, recalcou, co Goberno de Feijóo foron “sete anos negros para a lingua galega”, situación denunciada pola cidadanía pero tamén pola propia Comunidade internacional, a través das institucións europeas que todos os anos lle din a Feijóo que “incumpre a lei” e a normalización do galego e por iso hoxe, queremos instar ao Presidente da Xunta a que modifique a súa política lingüística de “escrache” e respecte a lingua que é o que “máis nos une a todos os galegos e galegas”.

Día das Letras Galegas

 A portavoz nacional do BNG instou ao Partido popular a que o próximo martes voten a favor, no pleno do Parlamento galego, da Moción que defenderá o BNG para que se cumpran as recomendacións do Comité de Expertos e o Consello de Europa a respecto da lingua galega e poder abrir “unha nova etapa para o noso idioma”.

Carlos Callón, candidato do BNG ao Congreso dos Deputados

Pola súa parte, o candidato do BNG pola provincia da Coruña ao Congreso dos deputados nas vindeiras eleccións do 26X, Carlos Callón afirmou que no BNG estamos satisfeitos pola mobilización social na rúa en defensa do noso idioma e pola festa que hoxe supón dedicar o Día das Letras galegas a Manuel María, “un activista na defensa da lingua galega, activista e nacionalista que sempre demostrou esa loita, tanto na súa obra como a través do seu exemplo vital”.2

Callón reivindicou que as persoas que queremos vivir en galego “podamos facelo” e que non sexamos tratados como “leprosos medievais” con discriminacións en todos os ámbitos.

O candidato nacionalista acusou a Feijóo de ser o “inimigo público número un do noso idioma”. Ademais denunciou que dende o ámbito competencial do Estado tamén seguimos encontrado problemas. Onte mesmo, explicou, eu Carlos Callón Torres no Xulgado de Santiago ao pretender asinar en galego un documento fun informado de que “nadie nos pone problemas por hacerlo en gallego pero si lo quieres así, vuelve el miércoles”. Callón asegurou que esta mesma situación acontece non só no ámbito da Xustiza, tamén na Política Nacional, na Garda Civil, na Axencia Tributaria ou no Instituto Nacional da Seguridade social. É máis fácil, dixo, pagar unha multa en romanés na páxina web da Dirección Xeral de Tráfico que en galego porque non se pode, “non é normal que este tipo de cousas segan acontecendo”.

Ana Pontón

23 deputados no Congreso presentan unha soa iniciativa vinculada ao galego, euskera e catalán

Por outra parte engadiu que o BNG segue sorprendido de como os 23 representantes electos nas pasadas eleccións xerais do 20D “non presentasen máis que unha iniciativa vinculada ao galego”, iniciativa que por certo, dixo falaba conxuntamente do galego, catalán e vasco.

Ana Pontón e Carlos Callón atenden aos xornalistas

En cinco meses, reiterou, os 23 representante presentaron “oito milésimas ao mes de iniciativas vinculadas ao noso idioma”, non sabemos se é por nugalla, desinterese ou “porque non lles deixan os seus grupos”. Do que non hai dúbida, remarcou é que o BNG se consigue ter voz no Congreso, “teríame que cortar as mans para non presentar iniciativas constantes para conseguírmonos a igualdade de dereitos para o noso idioma”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG