O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, defende no Congreso unha PNL presentada conxuntamente con outras forzas políticas, para acabar coa discriminación lingüística no Estado español e para garantir a introdución real do galego nas diferentes administracións públicas. A Mesa pola Normalización Lingüística, Plataforma per la Llengua, Òmnium Cultural, Kontseilue, Nogara, Ciemen,I niciativa pol asturianu e Acció Cultural del País Valencià son as asociacións de defensa das linguas que impulsaron esta iniciativa e que conta co apoio de dez forzas políticas representadas na cámara baixa.
Despois de que hai máis de corenta anos se recoñecese a oficialidade do galego e doutras linguas empregadas no territorio español, aínda non se produciu a igualdade legal -a Constitución estabelece a obriga de saber español, mais non galego- nin tampouco o emprego normal das linguas por parte da administración do Estado, o que de facto nega a igualdade de dereitos das persoas falantes das linguas diferentes do español.
Nese sentido, a iniciativa reclama que todas as linguas propias gocen do mesmo recoñecemento e os seus falantes dos mesmos dereitos e deberes que o español. “Hai máis de cincocentas normas que impoñen, en determinados ámbitos, o uso do español en detrimento doutras linguas. Entre tanto, o número de falantes de galego vai minguando e todos os falantes da nosa lingua vemos como cada día temos enormes dificultades para poder desenvolvernos e vivir con normalidade en galego” incide o deputado do BNG, Néstor Rego.
“Reclamamos unha cuestión fundamental de dereitos esenciais, de dereitos humanos, que é poder utilizar con normalidade a nosa lingua ao longo da nosa vida. Que o Estado español recoñeza realmente esta realidade plurinacional e plurilingüe e que isto permita avanzar tamén no uso do galego en todos os ámbitos da sociedade” afirmou o deputado nacionalista.
Así mesmo, Néstor Rego incidiu na necesidade de aplicar este recoñecemento “tamén co que ten a ver coa Administración central do Estado na Galiza ou coa Administración de Xustiza. É fundamental que todos os funcionarios teñan a obriga de coñecer o galego, porque iso é o que vai garantir que nós teñamos o dereito a poder utilizalo en todo momento e en todo lugar” apuntou o deputado do BNG mentres sinalaba a necesidade pór fin a imposición legal do español.