congreso

Néstor Rego reclama ao Estado paralizar os megaparques eólicos na Galiza

Néstor Rego
Néstor Rego

O deputado alerta do “boom eólico” desenvolto sen unha adecuada planificación e sen garantías ambientais, que representa máis espolio para o noso País.

A formación nacionalista presenta iniciativas na cámara baixa para elaborar un plan con criterios que respecten o medio natural e os espazos de produción agraria e reverta economicamente na Galiza.

 

O deputado do BNG, Néstor Rego, reclama a paralización inmediata de todos os proxectos que están sendo obxecto de tramitación por parte do Ministerio de Reto Demográfico e Transición Ecolóxica. Así mesmo, Rego insta o Goberno do Estado, respectando as competencias propias da Galiza, a elaborar unha nova planificación eólica asentada en criterios que respecten o patrimonio natural, cultural e paisaxístico e contribúa para o desenvolvemento económico do noso País. Aliás lembra que o BNG defende a nacionalización das grandes empresas do sector eléctrico e unha Tarifa Eléctrica Galega.

A pesar de se efectivizaren os fechamentos das centrais térmicas de Meirama e, na práctica, das Pontes, no ano 2020 a Galiza exportou 29,2 % da enerxía eléctrica que produciu. “Só a produción de fontes renovábeis excedeu o consumo interno en 1.200 Gwh, pois este ascendeu a 17.383  GWh e a produción de renovábeis foi de 18.562  GWh” subliña o deputado do BNG no Congreso.

“Evidénciase de forma clara que Galiza xa é unha potencia na produción de enerxía eléctrica renovábel e que é  excedentaria, pois produce máis enerxía que a que neste momento necesita” apunta Rego. A pesar disto, o Goberno do Estado está a favorecer “a instalación de megaparques eólicos na Galiza, sen control e sen atender ás consecuencias de carácter ambiental ou ás afeccións a terras agrarias produtivase ao patrimonio natural, cultural e paisaxístico”.

O Ministerio, que ten atribuídas as competencias para autorizar a instalación daqueles parques eólicos que superen os 50 MW, “ten neste momento en diferentes fases de tramitación administrativa un conxunto de parques que suman até 2.524  MW de potencia”. A estes hai que engadir os de potencia inferior a 50  MW cuxa autorización corresponden á Xunta de Galiza. “Trátase, por tanto, dun verdadeiro boom eólico, mais desenvolvido sen unha adecuada planificación, baixo unha arquitectura legal obsoleta e sen garantías para a participación social ou a salvagarda do patrimonio natural” destaca o deputado nacionalista.

Asumindo que é preciso tomar en conta o previsíbel aumento de demanda eléctrica ao ritmo do avance do proceso de transición enerxñetica, Rego destaca que o BNG  partilla a necesidade de avanzar no uso das renovábeis, mais salienta que “a actual regulación non permite unha planificación enerxética racional e consensuada no marco da transición enerxética, e tampouco permite regular a adecuación da localización e tamaño ás características do territorio”.

“O Goberno do Estado está a reservar á Galiza o papel de País produtor de enerxía, que debe sacrificar a súa riqueza produtiva, paisaxística, ambiental e patrimonial en favor de converterse en exportadora e fornecer enerxía ao resto do Estado” afirma. “Proxectos, ademais xestionados por grandes empresas e transnacionais, que estragan o noso País levan os lucros para fóra, nunha nova fase do espolio enerxético que historicamente veu sofrendo o noso País”, acrecenta Rego.

Aliás, está demostrado que esta non é a opción máis eficiente e sustentábel, nin desde o punto de  mista ambiental nin económico. “O BNG defende apostar por proxectos dimensionados, que integre pequenas e medias empresas, o cooperativismo e a economía colaborativa, por fórmulas que aproximen a produción ao consumidor final e tamén pola autoxeración e autoconsumo” explica Rego.

Esta opción non só é máis eficiente, senón que “favorece unha maior xeración de emprego e de retorno social. Pois a instalación destes grandes  macroproxectos destaca precisamente pola ausencia de reversión dos beneficios para as poboacións e territorios afectados e para o noso País”.

Así mesmo, segundo apuntan os datos, o emprego xerado pola instalación destes  mega parques só pode cualificarse de residual, quedando reducido a postos de traballo temporais e de pouco valor engadido durante a construción, ao que se sumaría o mínimo necesario para vixiar o funcionamento e mantemento posterior, mais que pola tecnoloxía e a centralización dos servizos nas multinacionais non se nutriría da man de obra local.

“Non só non se facilita a creación de novos postos de traballo, senón que se impide o desenvolvemento económico presente e futuro daquelas zonas en que se implantan” subliña o deputado do BNG. Moitos dos terreos que se prevén ocupar están na actualidade dedicados á explotación agrogandeira, actividades que resultarían incompatíbeis ou se vería gravemente dificultada coa instalación dos parques. Outros implántanse en terreos dun alto valor forestal o que tamén impediría o seu aproveitamento.

“A instalación de novos parques para a produción de enerxía eléctrica na Galiza, sexa en terra ou no mar, debe realizarse de forma ordenada. Debe definirse de antemán en que lugares é posíbel a súa instalación atendendo ao seu menor impacto ambiental e á menor afección ao patrimonio natural e patrimonial, mais tamén ás necesidades de produción” salienta Rego. O territorio galego non pode converterse en subministrador do resto do Estado por decreto e intereses alleos á Galiza, sen capacidade de decisión sobre a súa xestión, soportando os efectos negativos mais sen recibir en troca ningún beneficio, nin en forma de emprego, remuneración ou abaratamento da factura eléctrica.

É por iso que o deputado nacionalista insiste na proposta do BNG de camiñar cara a unha mudanza do modelo de produción e xestión enerxética. “Se quixermos pór a produción de enerxía ao servizo do desenvolvemento social e económico da Galiza e dos intereses das maiorías sociais, é preciso nacionalizar as grandes empresas do sector eléctrico e, no inmediato, estabelecer unha Tarifa Eléctrica Galega que abarate a factira da luz para todos os galegos e galegas”, sinala Rego, que lembra que nos cargos que agora pagamos están algúns como os de transporte, que correspondería pagar “a quen consome a nosa enerxía a 600 quilómetros de distancia e non a nós que a producimos ao lado das nosas casas”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG