O Bloque Nacionalista Galego mantén un encontro en Vigo dentro dos eventos organizados na semana previa ao Día da Patria Galega, 25 de Xullo, onde os intervinientes aproveitaron para chamar a participar na manifestación convocada en Santiago de Compostela. No acto participaron o responsábel comarcal do BNG, Manuel Caride, a concelleira da organización en Redondela, Jessica García, o voceiro municipal de Vigo, Xabier P. Igrexas, e o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego.
Após a concentración convocada pola vaga de lumes que está a asolagar o País, sobre todo o interior da Galiza, diante da Delegación da Xunta de Galiza en Vigo, a organización nacionalista convocou na Praza de Compostela da localidade viguesa o acto central da comarca na semana previa ao Día da Patria Galega baixo o lema “Gañarmos o futuro. A nova Galiza en marcha!”.
O responsábel comarcal do BNG en Vigo, Manuel Caride trasladou na súa intervención a inminencia dun cambio político na Galiza “tan necesario para frear as políticas destrutivas do Partido Popular e cuxo primeiro reto sitúase nas eleccións municipais de 2021”. Exactamente, quedan 10 meses para unha cita electoral en que a organización nacionalista aspira a “multiplicar o seu número de concelleiros e concelleiras” segundo afirma a concelleira do BNG en Redondela. Jessica García considera ao BNG como a única alternativa “seria, con proxecto e na cal confiar para os vindeiros comicios”.
O portavoz municipal do BNG na localidade de Vigo, Xabier P. Igrexas, lembra o 50 aniversario do Día da Clase Obreira Galega e comprométese a seguir traballando para que Vigo “volva ser o vizoso pulmón industrial da Galiza e converter a cidade na capital galega da innovación, da tecnoloxía e das comunicacións”.
“Queremos desenvolver políticas reais que impidan que a crise se volva converter nun saqueo antisocial, para pararlles os pés a quen quere que as traballadoras e traballadores sigan apertarse un cinto que non dá máis de si, mentres seguen a cebar aos ricos e poderosos” afirma Igrexas.
Así mesmo, o deputado do BNG no Congreso apunta que o 25 de Xullo non só é un día de celebración e festexo, senón tamén un día de reivindicación. “Somos galegos e galegas, que partillamos unha lingua e unha cultura propias. Que somos unha nación” reivindica. De facto, a frente nacionalista defende unha Galiza máis igualitaria, máis forte, próspera e libre. “Sobre todo a día de hoxe, neste contexto de crise social e económica precisamos avanzar para unha nova Galiza e gañarmos o futuro” destaca.
“Os galegos e galegas non podemos seguir sumidos baixo as leis aprobadas en Madrid ou Bruxelas. No BNG defendemos a necesidade de superar o marco autonómico e camiñar cara un novo marco xurídico político que recoñeza á Galiza como o que é, como unha nación” sinala o deputado. Para isto, demanda un Goberno “con capacidade para lexislar, regular e pór a traballar os recursos necesarios para o desenvolvemento social e económico da Galiza, así como pór en marcha un sistema produtivo que xere postos de traballo de calidade no País”.
Ante isto, Rego alza o BNG como a “única forza política que, de forma permanente, antepón os intereses dos galegos e galegas diante de calquera outra cousa. É a única formación que vai á raíz dos problemas e que aporta solucións para os mesmos, e tamén porque é a única organización que sinala a necesidade de incrementar a capacidade de decisión dos propios intereses”.