O deputado do BNG, Néstor Rego, reclama ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico que abra as investigacións necesarias para comprobar o estado das instalacións de ENCE, pola ausencia de investimento en seguridade e mantemento, para saber se existe perigo potencial inminente para as persoas ou o ambiente. Así mesmo, a formación nacionalista volta a demandar a saía da fábrica na Ría de Pontevedra pola irregularidade que supuxo a decisión de prórroga adoptada en 2016 polo Goberno de Mariano Raxoi.
Tras se coñeceren publicamente as declaracións realizadas polo CEO de ENCE, Ignacio de Colmenares, nun vídeo de carácter interno dirixido ás e aos traballadores da factoría, suscitouse unha grande preocupación social pola situación real en que se achan as instalacións e a caldeira da fábrica. Na gravación, o CEO da compañía afirmaba que "en Pontevedra podemos ter un susto ambiental maiúsculo, que pode afectar, ademais, ás persoas" referíndose a que a caldeira de recuperación de ENCE non cumpre cos mínimos exixíbeis de seguranza.
“A situación actual é perigosa, pois a falta de actualizacións e investimentos necesarias para o mantemento poden derivar nun episodio ambiental de gravidade, que podería mesmo afectar as poboacións da súa contorna, así como os traballadores e traballadoras” apunta o deputado do BNG no Congreso, que denuncia que a empresa está a deixar de investir no mantemento e seguridade da planta “case como unha chantaxe e ameaza ao conxunto dos axentes sociais e entidades administrativas que reclaman a súa saída da Ría de Pontevedra”.
Para Rego, “existen sobrados argumentos xurídicos, ambientais e sociais para que o Goberno actual tome a iniciativa e revogue a prórroga da concesión, facilitando así a recuperación ambiental da ría e a mellora da saúde e a calidade de vida de todas as persoas que diariamente soportan as emisións da factoría”. No entanto, salienta que “mentres o traslado non se produza, o Ministerio ten que cumprir coas súas obrigas de vixilancia e control, debendo actuar para comprobar a seguridade das instalacións”.
O deputado nacionalista advirte que se a falta de renovación, mantemento ou investimento supoñen un risco ambiental, para as persoas traballadoras ou a poboación en xeral, “o Goberno ten que adoptar as medidas oportunas, mesmo suspendendo preventivamente a súa actividade se for necesario”.
A formación nacionalista lembra que o Concello de Pontevedra xa incoou un expediente de información e actuacións previas para pesquisar as circunstancias do caso concreto, a veracidade do afirmado e a conveniencia ou non do inicio do correspondente procedemento e das actuacións oportunas. Para iso, o goberno municipal requiriu ao CEO que aclare as manifestacións feitas públicas e explique o alcance do risco a que alude e que acredite as condicións de seguranza das instalacións e da caldeira de recuperación.
ENCE, pendente de tres recursos
Debe lembrarse que a concesión de ENCE para a ocupación do dominio público marítimo terrestre foi declarada parcialmente caducada polo Ministerio de Medio Ambiente en 2015, mais prorrogada de maneira irregular por Mariano Raxoi a comezos de 2016. Para a organización nacionalista o que procedería facer naquel momento era “declarar a caducidade total da concesión sen posibilidade de ningunha prórroga, atendendo aos graves incumprimentos das condicións impostas no título da concesión en relación coa contaminación producida pola pasteira”.
No momento actual, aínda están pendentes de resolución tres recursos presentados por distintas organizacións sociais e ecoloxistas, como a Asociación para a Defensa da Ría ou o Concello de Pontevedra, pola que se recorre precisamente esa prórroga concedida durante 60 anos máis a ENCE nos terreos de Lourizán. “A propia Avogacía do Estado desistise de participar nestes procedementos xudiciais aínda abertos por entender que a prolongación da concesión do Goberno en funcións en xaneiro de 2016 non foi conforme a dereito, recoñecendo así a irregularidade da decisión” insiste Rego. “O máis seguro é que a xustiza dará a razón á parte demandante e considerará nula e irregular a prórroga” conclúe o deputado do BNG.
Mantemento do emprego
En declaracións recentes, Néstor Rego rexeitaba con contundencia a actitude mafiosa do Partido Popular e da empresa que, por medio da chantaxe e da violencia pretende amedrentar o BNG para que mude de posición, con episodios como o vivido esta semana de asedio ao alcalde e ao goberno de Pontevedra. “Non o van conseguir. Ao BNG ninguén o vai dobregar con ameazas. Defendemos e continuaremos a defender o que é xusto: a saída de ENCE de Lourizán e a recuperación ambiental e produtiva da Ría”.
Néstor Rego afirma entender e partillar a preocupación dos traballadores e traballadoras polo mantemento dos seus empregos, mais considera que a mellor saída para garantir os postos de traballo é precisamente a vía de diálogo, como está a defender a maioría do Comité de Empresa, e a presión á dirección de ENCE para que acepte o traslado fóra da ría. O deputado nacionalista lamenta que unha parte dos traballadores -no concreto CCOO- actúe “ao ditado dos intereses do Partido Popular e do capital da pasteira nesa estratexia de chantaxe”, mais sinala que se trata dunha minoría. “Por fortuna, comportamentos mafiosos como o producido esta semana contra o BNG e o Concello de Pontevedra non contan co apoio maioritario dos traballadores e traballadoras nin tampouco do Comité de Empresa”, concluíu.