O candidato pola Coruña, Néstor Rego, destacou no acto político que se desenvolveu este mércores en Cerceda que para o BNG estas eleccións son "unha segunda oportunidade" para recuperar a voz galega en Madrid, nunha convocatoria en que a forza nacionalista concorre "como única forza política galega". "O voto útil para defender Galiza é, sen ningunha dúbida, o do BNG", apuntou Néstor Rego que dixo tamén que son moitas as persoas que neste tempo botaron en falta a presenza da organización nacionalista en Madrid.
Nun acto en que estivo acompañado polo portavoz municipal de Cerceda, Aberte Sánchez e a candidata Rocío da Igrexa, Néstor Rego quixo transmitir o entusiasmo co que o BNG concorre á repetición das eleccións porque, segundo dixo, "do que se trata é de enfrontar o desafío de lle dar voz a este País, esa voz que faltou nos últimos tempos e que só pode garantir unha forza libre e soberana como é o Bloque Nacionalista Galego".
Na súa intervención, destacou que é moita a xente que neste tempo se deu conta de que "as forzas españolas esqueceron totalmente o noso país co cal desta volva non vai valer o do voto útil, porque para resolver os nosos problemas demostraron a súa nulidade". Que os últimos orzamentos aprobados por PSOE e Podemos a comezos do ano destinaran a Galiza tan só 745 millóns de euros fronte aos 2.100 que se consignaron nos orzamentos en 2009 cando os dous votos do BNG foron decisivos para a súa aprobación, "é dicir, tres veces menos", apuntou.
Afirmou Néstor Rego que o BNG, "como sempre fixo, actuará con responsabilidade e compromiso en Madrid" na defensa dos investimentos para o país, dos postos de traballo de calidade, das medidas contra o desmantelamento industriais, polos salarios e pensións dignas e polo dereito a pescar, a producir e non ter que emigrar.
"Estamos convencidos de que o BNG vai estar, de que imos ter representación porque son cada vez máis as persoas que chegan á conclusión de que só unha forza netamente galega, nacionalista, sen ningún tipo de dependencia exterior, garante voz propia que defenda os intereses do pobo traballador galego", concluíu Néstor Rego no mitin de Cerceda.