O Bloque Nacionalista Galego anuncia que non apoiará o proxecto de Orzamentos do Estado para 2023 despois da falta de vontade negociadora por parte do Goberno e os grupos que o compoñen, PSOE e UP. A organización nacionalista absterase na votación das contas de 2023, por entender que a proposta presentada polo executivo é insuficiente para a Galiza e escasamente social, e votará en contra das seccións de Defensa –polo avultado incremento do gasto militar en máis de 25%- e a Casa Real. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, lamenta a decisión tomada por PSOE e UP de non mellorar o proxecto incluíndo medidas presentadas polo BNG que axudarían a paliar a crise social e económica provocada pola suba descontrolada dos prezos e acabar coa discriminación histórica que sofre a Galiza en investimento en infraestruturas e servizos.
o investimento na Galiza fica estancado
“Desde que o Goberno do Estado presentou o proxecto de Orzamentos sinalamos a necesidade de melloralos: o investimento na Galiza fica estancado, nun contexto de orzamentos expansivos en que aumenta de forma importante o investimento no conxunto do Estado e na inmnensa maioría das Comunidades autónomas, excepto no noso País que, máis unha vez, fica discriminado”, sinala o deputado do BNG.
Rego salienta que tamén o gasto social resulta insuficiente para tender necesidades perentorias e para paliar as consecuencias negativas que provoca nas clases populares a crise social e económica asociada á escalada descontrolada dos prezos, en canto “a partida que máis sobe é a de defensa, destinada á compra de armamento, o que resulta inxistificábel nun contexto de extremas dificultades sociais e económicas”.
Destinar máis de 17.000 millóns de euros a maiores entre 2023 e 2029 a gasto militar é unha verdadeira barbaridade
“Destinar máis de 17.000 millóns de euros a maiores entre 2023 e 2029 a gasto militar é unha verdadeira barbaridade e implica hipotecar a capacidade de desenvolver políticas sociais e económicas para protexer e mellorar a calidade de vida das maiorías sociais. Repercutirá negativamente na calidade dos servizos públicos e no emprego e derivará implicará en nvos recortes sociais” alerta Rego, que enfatiza que mentres os compromisos adquiridos polo executivo en materia social fican sen cumprir nesta lexislatura, “o que si que cumpre o Goberno é o aumento do gasto militar a pedido da OTAN e para maior lucro do complexo militar industrial nortemaricano”.
Frente a este proxecto de Orzamentos, claramente insuficiente e inadecuado, o BNG presentou máis de 350 emendas. No entanto, os partidos do Goberno “non mostraron vontade real de negociación para melloralo” e votaron na Comisión de Orzamentos en contra de todas as propostas presentadas pola formación nacionalista. Mesmo aquelas que se encadraban no marco dos compromisos adquiridos como “a suba das pensións mínimas, a creación dos tres xulgados de violencia de xénero en Compostela, Lugo e Ourense ou cumprir co financiamento a 50% da Lei de Dependencia por parte do Estado”.
Os deputados e deputadas galegas de PSOE e Unidas Podemos terán que explicar á sociedade galega porque votaron en contra de emendas para aumentar o investimento na Galiza
“Os deputados e deputadas galegas de PSOE e Unidas Podemos terán que explicar á sociedade galega porque votaron en contra de emendas para aumentar o investimento na Galiza e superar o déficit histórico en materia de infraestruturas e servizos, ou dauqelas que teñen por obxectivo contribuír para solucionar a grave crise industrial que atravesa o noso País” incide o deputado nacionalista.
Entre as emendas presentadas pola organización, destaca a proposta para a implantación do servizo de cercanías ferroviarias nas cidades da Galiza e as súas áreas de influencia, modernizar a rede ferroviaria interna, rematar a construción de infraestruturas como a A-54 ou os menos de 30 km de vía que permitirían conectar a Galiza con Portugal a través dunha liña de alta velocidade. Tamén partidas para o saneamento e rexeneración das nosas rías ou, no ámbito económico, para garantir a transición xusta nas Pontes e Meirama, para a conversión de Navantía nun complexo industrial integral que incorpore a construción naval civil e para a intervención pública de Alcoa, como mellor solución para garantir a continuidade da actividade e da totalidade dos empregos na Mariña.
Dada a cerrazón de PSOE e Podemos a mellorar os Orzamentos para a Galiza e para as clases populares, a frente nacionalista non pode apoiar as contas do Estado para 2023 e opta pola abstención. Con todo votará en contra nas seccións da Casa Real -como expresión da aposta por unha alternativa republicana e de rexeitamento a unha institución anacrónica e caduca como a monarquía- e Defensa, polo inxustificado e anti-social aumento do gasto en armamento. A ambas as seccións, o BNG tiña presentado emendas de devolución.
non cumpriron coa Galiza nin coas clases populares e o Goberno do Estado nega ao noso País o que é de xustiza
Rego subliña que, máis unha vez, PSOE e UP “non cumpriron coa Galiza nin coas clases populares e o Goberno do Estado nega ao noso País o que é de xustiza”. En opinión do deputado do Bloque Nacionalista Galego, a sociedade galega “ten cada vez máis claro quen defende os intereses do noso pobo e quen está alí para votar o que lle mandan as súas direccións en Madrid, mesmo cando iso prexudica todos os galegos e galegas”. Néstor Rego anuncia que as emendas que PSOE e UP rexeitaron nestes Orzamentos serán presentadas como iniciativas parlamentares pola formación nacionalista ao longo do próximo ano “porque non renuncia os ao obxectivo de defender o que convén á Galiza e políticas verdadeiramente sociais que permitan paliar a crise social e económica que sofren as clases populares e os pobos”.