A deputada demandou do SERGAS a publicación das listas de espera, estruturais e non estruturais, recuperar a totalidade das prazas de persoal eliminado desde o ano 2009 e presentar no Parlamento galego un informe coas derivacións de doentes da sanidade pública a centros sanitarios privados. O Partido popular rexeitou a iniciativa nacionalista.
Pleno.- A parlamentaria do BNG, Montse Prado defendeu hoxe unha moción destinada a facer públicas a totalidade das listas de espera do SERGAS, tanto estruturais como non estruturais e poñer en marcha todos os recursos dos que dispón o SERGAS para impedir a derivación de doentes da sanidade pública á sanidade privada. A iniciativa do BNG tamén reclamaba restituír ás listas de espera a doentes que non aceptaron seren derivados a centros sanitarios privados.
Asemade, dentro do puntos demandados na moción, figuraba a constitución e convocatoria dos consellos de área coa participación social e territorial da cidadanía como sinala a lei de Saúde de Galiza do ano 2008.
O PP afirma que o PSOE, co apoio de Podemos, tamén utiliza as derivacións a centros privados para reducir as listas de espera
Pola súa parte, a portavoz do Partido popular, Marta Rodríguez Vispo rexeitou as críticas da nacionalista sobre a falta de recursos para aliviar as listas de espera das que dixo son xestionadas con eficacia, a través das derivacións. Sobre a falta de recursos, a popular negou os recortes nesta materia e puxo como exemplo a construción dos hospitais de Vigo e o Salnés. Rodríguez Vispo defendeu as derivacións de doentes da sanidade pública á sanidade privada e lembrou que este sistema é o mesmo que utilizan algúns gobernos socialistas co apoio de Podemos en diferentes comunidades do Estado español.
A parlamentaria nacionalista replicou que por que haxa delincuentes que están roubando dereitos á poboación e converten a sanidade nun negocio para os amigos, non os exime a vostedes de seren cómplices e aplicar políticas nesa mesma dirección.
As persoas que rexeitan ser derivadas a centros privados son borradas das listas de espera do SERGAS
A deputada afirmou que na EOXI de Ourense existen 7.000 pacientes en lista de espera e 800 con máis de dous anos, esta é a realidade das colas de programación do SERGAS. A nacionalista reiterou que as persoas que rexeitan ser derivados a un centro privado son eliminados da lista de espera e a negativa responde a que saben que os centros privados teñen peor asistencia.
A parlamentaria criticou que o PP aprobara a Lei de garantías coa intención de darlle cobertura legal ás derivacións para seguir, dixo, engordando os petos da sanidade privada. Teñen miles de persoas en lista de espera para derivalas á sanidade privada.
A moción defendida pola parlamentaria do BNG foi rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular.