Galegas 2020

Mini Rivas: “Tras a pandemia, o Plan estratéxico da PAC debe ser revisado e consensuado coas organizacións agrarias”

O candidato do BNG, Xosé Luís Rivas denuncia a extorsión de empresas lácteas a produtores e produtoras aos que obrigan a asinar un contrato declarando que cobran o leite por riba dos custes de produción  

O candidato do BNG, Xosé Luís Rivas mantivo hoxe un encontro cos responsables das dúas forzas sindicais agrarias nacionalistas, SLG e FRUGA no que abordaron, entre outras cuestións: a denuncia de produtores e produtoras de leite que son obrigados a asinar un contrato coas industrias lácteas declarando que o prezo do leite está por riba dos custes de produción. O candidato do BNG cualificou este proceder de “extorsión” e responsabilizou ao Partido popular de tolerar estas prácticas.

O nacionalista tamén criticou o fracaso do que denominou “chiringuito” do PP en relación ao mercaproximidade. Neste sentido, apostou por unha lexislación específica que obrigue ás diferentes administracións nas súas compras de alimentación  a destinar “unha porcentaxe”  a produtos galegos.

A secretaria do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba e o coordinador nacional  da Federación Rural galega (FRUGA), Manuel da Cal, coincidiron co candidato do BNG, na necesidade “dunha revisión” do Plan Estratéxico da  PAC, tras a pandemia,  que conte co consenso dos sectores e organizacións agrarias así como a adopción de medidas paliativas para o sector agrogandeiro afectado polas consecuencias da COVI-19.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG