parlamento galego

Mercedes Queixas alerta do impacto do proxecto eólico de Greenalia sobre a Torre de Teodomiro (BIC), no monte do Gato

Mercedes Queixas
Mercedes Queixas
Denuncia o  carácter incompleto e  falta de credibilidade dos Estudos de Impacto Ambiental e pide á Xunta que escoite as demandas dos veciños e veciñas de Oza-Cesuras, Aranga e Coirós afectados polo proxecto

A través dunha pregunta parlamentaria ao Goberno, a deputada do BNG, Mercedes Queixas denunciou os efectos dos 6 proxectos de parques eólicos, en tramitación, en menos de 5 Qm sobre o  Monte do Gato, situado entre os concellos de Oza-Cesuras, Aranga e Coirós, na provincia da Coruña.

Este proxecto, explicou Queixas representa un  exemplo de macroparque eólico fraccionado para evitar unha avaliación global do proxecto total  e das garantías esixibles, presentando, no seu defecto, “un Estudo de Impacto Ambiental individual de cada proxecto, e dos que aínda están pendentes de publicar as liñas de evacuación”.

Os estudos, agregou,  preséntanse “incompletos e inexactos, carentes de credibilidade, ademais de  descontextualizados” pola falta dun estudo integral. En este sentido, lembrou que o BNG demandou no Parlamento galego un estudo integral do proxecto, solicitude que foi “rexeitada polo grupo do Partido Popular”.

O Monte do Gato acolle unha  grande necrópole megalítica con 29 mámoas catalogadas e dous petróglifos, dos que un estudo declara 24 elementos patrimoniais afectados: “17 cun impacto severo e 5 moderado”.

Ademais, o  catálogo de patrimonio do PXOM do concello de Aranga constata  que, na parroquia de San Vicente de Fervenzas, no Monte do Gato atópase un BIC, a Torre de Teodomiro, que non aparece reflectida  no anexo de impacto turístico e no anexo de impacto sobre o patrimonio cultural  e nin sequera no propio Estudo de Impacto Ambiental.

Estamos a falar, dixo,  dunha fortificación típica da Alta Idade Media cunha muralla elipsoidal e probabelmente un corpo central. Un monumento salientábel dentro da comarca, recollido na bibliografía histórica e do que até o de agora non se determinara o emprazamento preciso.

Nesta altura, xeolocalizado este BIC por un equipo especializado en arqueoloxía, foi presentado o proxecto de prospección que permita a delimitación planimétrica do ben e o correspondente permiso á Dirección xeral de patrimonio cultural por parte da Asociación veciñal da parroquia de Fervenzas. Até o de agora “non tiveron resposta e existe preocupación veciñal por unha posíbel solicitude de descatalogación por parte da empresa”.

Hai unha petición de descatalogación deste BIC? Que medidas implementou  a Xunta para garantir a conservación e posta en valor da Torre de Teodomiro como BIC? preguntou a deputada ao conselleiro Román Rodríguez.

Tras a resposta de Conselleiro de Cultura, Mercedes Queixas replicou  que a  Xunta de Galiza ten a competencia exclusiva sobre patrimonio e a obriga legal da súa conservación e posta en valor. Nesta liña, a deputada exixiu unha posición do goberno, “ como valedor do patrimonio colectivo ou polo contrario como cómplice  do espolio eólico do Montes do Gato”.

A consellería, dixo, debe explicarlle aos responsables da solicitude da prospección e a veciñanza que o tramitou que “ese ben vai estar protexido e a Xunta non vai mirar para outro lado”. Si queren blindar o patrimonio natural e cultural  desta zona deben actuar de maneira “inmediata” porque é unha reserva da biosfera das mariñas coruñesas e das terras do Mandeo e a Rede natura debe ser ampliada nesta contorna amplíen a Rede Natura para esta contorna, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG