A asemblea local do BNG Ourensán designou a Xosé Luis Seara, Rut Marina Reza, Xosé Manuel Puga, Alba Sánchez Nieto, Xosé Diz Romay e Stella González como integrantes do primeiro tramo da candidatura que a formación nacionalista presentará en Ourense nas eleccións municipais de 2019. A militancia aposta así por Luis Seara, un dos referentes políticos da formación nacionalista como cabeza de cartel, ao tempo que aposta por un equipo de traballo mestura de experiencia e renovación nos primeiros postos da lista.
Nas súas primeiras palabras á militancia tras ser elixidos, os integrantes da lista aprobada, agradeceron a confianza depositada e anunciaron que van traballar como un tándem ata a data dos comicios, perfilando o proxecto de cidade co que van pedir a confianza dos Ourensáns e das Ourensás en 2019. Seara dirixiuse á militancia para pedir o seu esforzo. “hoxe pomos o contador a cero e iniciamos a conta atrás para voltar ao concello con forza e ser determinantes na configuración do proximo goberno municipal”. Temos unha tarefa ardua durante estes meses, hai que sumar adeptos á causa, falar con todo o mundo para que se incorporen ao proxecto do BNG.
“Un bo goberno caracterízase por dúas cousas: ter proxecto de cidade e ter capacidade, solvencia e liderado para levalo a cabo. Ourense, neste momento, carece de proxecto e carece de liderado. Non podemos asumir a parálise e o caos no que estamos instalados, hai que poñer a funcionar a súa enerxía e potencia”, salientou Seara.
O candidato lembrou que tras anos de traballo político noutras instancias (concello da Merca e deputación), ten agora a oportunidade “de traballar pola miña cidade, pola cidade na que vivo desde que nacín”.
As candidatas e candidatos eleitos avanzaron as liñas mestras do proxecto co que aspiran a construír “Un Ourense con horizonte claro, que recupere o pulso, a iniciativa e a ambición por avanzar, que non sexa conformista e poña en valor os seus enormes recursos e capacidades”.
O cabeza de lista e candidato a alcalde afincou o proxecto que propón o BNG en dúas apostas claras: “primeiro, recuperar o peso e o dinamismo económico da cidade; segundo, facer de Ourense unha referencia, en Galiza e fóra dela, de cidade inclusiva, igualitaria, verde e aberta”.
Seara insistiu ante a militancia en que “para facer de Ourense esa cidade de referencia non hai que estar mirando ou imitando a outros. Chega con saber ver e mobilizar toda a potencia, a capacidade e os recursos que Ourense ten, en favor dun proxecto compartido de cidade”. Nesta liña explicou que “a cidade que nós queremos constrúese a favor de si mesma, a partir do mellor da súa propia tradición.
“No BNG sabemos facelo” –insistiu- “e temos exemplos, na propia provincia e fóra dela, de prestixio internacional que o demostran. Nós non quedamos nas palabras bonitas, sabemos levalas á realidade”.
O candidato fixo fincapé na idea de que CO BNG, UN NOVO PUNTO DE PARTIDA PARA OURENSE, e pediu o apoio activo de toda a militancia, que tivo palabras de recoñecemento para os anteriores portavoces municipais e concelleiros e concelleiras nacionalistas e fixo un recoñecemento expreso do traballo realizado polos seus antecesores, “que desenvolveron un labor extraordinario” que co paso do tempo aínda se fixo máis evidente.
“Para min é un orgullo compartir candidatura con este grupo de persoas e representar ao BNG”, recalcou Seara.