Galegas 2020

Luís Bará propón impulsar a produción e transformación de produtos ecolóxicos de horta e froitas para reactivar o rural

Amorodo
Amorodo

O cabeza de lista do BNG visitou a firma de conservas Amorodo en Forcarei xunto con Roberto Jorge Correa e Carmen Fidalgo, onde avogou pola mobilización de terras agrarias abandonadas

O nacionalista propón flexibilizar as condicións de certificación de produción ecolóxica, a creación de selos de calidade, unha rede galega de sementes, así como a promoción de cooperativas e plataformas para fomentar circuítos de comercialización de quilómetro cero

O cabeza de lista do BNG por Pontevedra, Luís Bará, defendeu a produción e transformación de produtos ecolóxicos de horta e froitas como unha das vías para reactivar o rural. Así o manifestou nunha visita á firma de conservas ecolóxicas ‘Amorodo’ acompañado pola coordinadora comarcal da zona, Carmen Fidalgo, e o portavoz municipal de Forcarei Roberto Jorge Correa, onde destacou a importancia de que o 12X se produza un cambio de goberno da man do BNG de Ana Pontón que poña en marcha un xiro de 180 graos nas políticas de potenciación do rural galego.

Bará explicou que a fórmula de Amorodo pódese “trasladar con éxito a moitas zonas do país”, pero destacou que é necesario desde o goberno impulsar medidas para potenciar a venda no mercado e tamén a transformación dos produtos ecolóxicos. Subliñou que para acadar un maior rendemento produtivo das terras é fundamental potenciar a produción local para evitar, como nalgunhas ocasións acontece no caso de Amorodo, ter que ir buscar subministro de produto fóra de Galiza porque aquí non hai suficiente.

É necesario, dixo Bará, ter unha política decidida de mobilización de terras agrarias abandonadas mediante fórmulas xa exitosas que se aplicaron cando o BNG estivo no goberno, como o banco de terras, e tamén a flexibilización das condicións para a certificación da produción ecolóxica en terreos que teñen características axeitadas e que non fosen sometidos a procesos de contaminación.

Para o BNG é fundamental, destacou, incentivar e apoiar a creación de selos de calidade de produtos de horta e tamén crear unha Rede galega de sementes para fomentar a distribución e o uso de sementes galegas. Ao mesmo tempo, o nacionalista manifestou a súa aposta pola creación de cooperativas e outras formas de asociacións de agricultores para a transformación, para ter equipamentos axeitados e para a comercialización de produtos mediante plataformas con apoio público para fomentar circuítos e mercados de proximidade ou de quilómetro cero.

Bará insistiu en que o proxecto de Amorodo “nos parece exemplar por moitos motivos, en primeiro lugar pola aposta por produtos ecolóxicos tanto de produtos de horta, hortalizas e verduras e tamén de froita, e a súa transformación para obter produtos de valor engadido como son as conservas e marmeladas de calidade”. Sinalou que, a un tempo, é un proxecto que aposta pola comercialización en pequenas tendas do comercio local, en tendas de produtos galegos, e de produtos gourmet, co que supón tamén de compromiso comercio de proximidade, local.

“Outro interese para nós é o seu compromiso lingüístico coa nosa lingua, coa etiquetaxe en galego e tamén o feito de que sexa un proxecto liderado por mulleres, co que supón de potencial transformador e de emprendemento que teñen as mulleres no ámbito rural”, indicou. Afirmou que hai moitos exemplos nesta liña que marcan camiño e que son mostra do que se podería facer “se a partir do 12X hai un goberno do BNG de Ana Pontón que potencie estas iniciativas”, finalizou.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG