Convencido de que “este domingo imos dar paso a unha Galiza segura de si mesma votando ao BNG”, o cabeza de lista por Pontevedra, Luís Bará, asegurou hoxe en Poio que é preciso “non conformarse nin caer na rutina” e acudir a votar o vindeiro 12X sumando no BNG de Ana Pontón o voto de país que permita un “cambio de era”. O nacionalista, acompañado do alcalde de Poio Nito Sobral e da concelleira Marga Caldas, destacou que o resultado das eleccións galegas está totalmente aberto e que cada voto vai ser decisivo, polo que dende o mitin dos xardíns de Ferreirós animou a se mobilizar a toda a xente que quere un cambio galego e a concentrar o seu apoio na papeleta do BNG.
Bará salientou a onda de cambio e ilusión que percibe arredor do BNG e pediu unha gran mobilización nas urnas de todas as persoas que queren abrir un tempo novo en Galiza. “Non se pode perder nin un só voto, que ningún voto da xente que lle quere a este país quede na casa porque iso é como darlle o voto ao Partido Popular. Se nos mobilizamos haberá un cambio real, un cambio de era que fará que Galiza desenvolva as súas potencialidades converténdose nun país próspero, moderno, produtivo, que sexa a envexa de Europa, da man dun proxecto solvente como é o do Bloque”, subliñou.
O nacionalista subliñou que non hai nada escrito, xa que con que o PP perda un escano por provincia caerá a súa maioría absoluta. Lembrou que na provincia de Pontevedra escóllense 22 representantes e que uns poucos centos de votos poden decidir un escano, “que pode ser un escano máis para o BNG e menos para o Partido Popular”: “Uns poucos centos de votos poden ser determinantes para inclinar a balanza non só na provincia de Pontevedra senón en toda Galiza e decidir o resultado final”.
Fixo fincapé en que o voto do BNG valerá dobre, porque servirá para “derrotar dun golpe á dereita reaccionaria e insolidaria do PP e derrotar ao mesmo tempo o centralismo e a dependencia que nos afoga e que nos paraliza”. Ademais, insistiu, permitirá facer historia poñendo á fronte do país unha muller nacionalista, a primeira presidenta da historia de Galiza, Ana Pontón.
“Levan moito tempo dicindo que non é posible, pero este 12X imos demostrar que co BNG si é posible poñer en marcha un cambio galego e levantar Galiza cunha muller presidenta, Ana Pontón, a mellor que podemos ter, facendo historia poñendo en marcha un novo modelo produtivo en verde, que aposte pola investigación, o emprego, os servizos públicos, un novo proxecto de país, unha nova Galiza”, finalizou.
En clave local, Bará destacou que Poio terá un goberno a favor e non á contra como padeceu durante os últimos anos. Lembrou actuacións importantes e urxentes que chegarán do BNG, como unha actuación integral na PO-308 de mellora da seguranza viaria e da mobilidade peonil ou o saneamento da ría.
Tamén tivo palabras Bará para o marisqueo e a pesca. Afirmou que dende a Xunta o Bloque porá en marcha unha campaña de apoio moi forte para potenciar os produtos galegos, que sufriron fortemente a crise da COVID-19 e as súas consecuencias. Lembrou a implicación do BNG co sector do mar en todas as administracións nas que ten presenza, con iniciativas parlamentares tanto en Madrid como en Bruxelas, e subliñou que é necesario un cambio na política galega o vindeiro 12X que poña realmente en valor o local fronte ao desleixo das políticas do goberno galego nos últimos anos, reclamando maiores competencias para que sexa a propia Galiza a que decida sobre a xestión dos seus recursos.