Galegas 2020

Luís Bará: "Defenderemos con uñas e dentes os postos de traballo da conserveira Thenaisie Provoté"

Conserveira
Conserveira
O cabeza de lista do BNG comprometeuse a “dar batalla” nas mobilizacións e dende o goberno da Xunta para que a firma estea participada por capital galego e aposte polo mantemento da actividade

“O BNG vai dar a cara nas mobilizacións e tamén dende o goberno da Xunta para defender o mantemento dos postos de traballo en Thenaisie Provoté”. Así de contundente foi hoxe en O Grove o cabeza de lista do BNG, Luís Bará, quen subliñou a firma conserveira “é absolutamente clave” para o futuro do concello meco facendo un símil coa planta de Alcoa para a Mariña. “Son 100 postos de traballo que, co que está pasando, temos que defendelos con uñas e dentes. Dende o goberno galego o BNG dará a batalla por manter esta empresa e que estea participada por un capital que aposte polo seu futuro e non polo desmantelamento. Estase a falar agora de Alcoa co que significa de catástrofe para a Mariña, pero imaxinade o que significa para este concello esta empresa”, subliñou.

Bará, acompañado das tamén candidatas Montse Prado, Sandra Fernández Agraso, e Xosé Lois Leirós, e do coordinador comarcal do BNG Manolo Domínguez, así como de varios concelleiros de O Grove, mantivo un encontro co comité de empresa para coñecer de primeira man o estado de situación e as propostas de compra que existen enriba da mesa para a conserveira. Unha das ofertas, explicaron, xa está ‘bendecida’ polo plantel de traballadores e traballadoras, é de capital galego, e aposta por manter os postos de traballo, sen embargo estanse a producir complicacións para chegar a un acordo cos actuais propietarios. O nacionalista, ante isto, manifestou o total apoio do BNG á loita, mobilizacións e reivindicacións do persoal, fundamentalmente mulleres, “que nos parecen de xustiza e máis neste momento”, dixo.

O cabeza de cartel do BNG tamén denunciou a desaparición do Partido Popular e da Xunta de Galiza, da que dixo, “nunha situación como esta debería estar á fronte da defensa dos postos de traballo e do futuro para comarca nunha actividade, a do sector conserveiro, que é clave, estratéxica, de futuro que debe crear aínda moita máis riqueza e emprego no noso país”.

Segundo afirmou o candidato, a actual crise da COVID-19 demostrou algo que a produción de alimentos é un elemento clave no desenvolvemento do futuro de Galiza. “A conserva demostrouse que foi un sector de puxanza e moita forza para facer fronte á crise, que tivo moita actividade e moito dinamismo e, polo tanto, parécenos que é o momento de apostar por un proxecto de futuro para esta empresa, un proxecto no que hai capital galego e un compromiso de mantemento dos postos de traballo que conta cunha negociación xa co comité de empresa”, sinalou.

“Débense remover todos os atrancos e desde logo se debe evitar ir cara a unha desaparición ou ‘desguace’ desta empresa para vendela ao mellor postor porque iso xa vimos o resultado que daba: cando se pon este tipo de actividades nas mans do capital especulativo o que quere é sacar tallada e non lle interesa nin a conservación do emprego nin o futuro das empresas, senón negociar con elas”, subliñou.

A partir de aí, Bará tamén destacou a necesidade de cambiar o marco legal tanto no que ten que ver coa Lei concursal como coas reformas laborais que ao seu xuízo son as que permiten que se dean “intereses especulativos e que haxa gabinetes de avogados que tamén responden a intereses escuros. Iso tamén o hai que desmontalo, denuncialo e cambialo, pero agora a loita é defender os postos de traballo e o BNG vai dar a cara nas mobilizacións e tamén dende o goberno da Xunta para defender estes postos de traballo”, insistiu.


 

Pola súa banda a presidenta do comité de empresa Rosa Domínguez destacou que a empresa Thenaisie Provoté está nun momento “moi crítico”, a pesares de ser punteira na conserva e das máis vellas no Salnés. Subliñou que coa crise económica tras a pandemia perder 125 postos de traballo “para O Grove e a comarca sería terrible, unha catástrofe económica e social”.

“Non entendemos que habendo un comprador, galego, que quere investir e sacar a empresa adiante, haxa administradores concursais e uns avogados por parte da empresa –Garrigues- e a directora financeira que estean a poñer paus nas rodas. Nós non podemos agardar máis”, destacou, explicando que “a xente está traballando a tope, pero os propietarios rumanos decidiron non querer traballar máis e non apostar máis pola empresa”.

Domínguez afirmou que se trata dun problema de liquidez e que só hai un comprador que dá confianza “e outro que non nos dá confianza porque non traballaría da mesma maneira que se está a facer”. Insistiu en que calquera opción que se presente debe estar negociada co comité de empresa e subliñou que “Thenaisie pode saír, é viable”, para tamén matizar que aínda están á espera dunha reunión coa Xunta de Galiza. “Estamos apertando e acompañados polo BNG que foron os primeiros que nos chamaron e amosaron o seu apoio”, subliñou.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG