Tras a comparecencia da consellería de Medio Ambiente para explicar a política de xestión de residuos sólidos, o parlamentario do BNG, Luís Bará afirmou que “canto máis se queime, máis gaña Naturgy porque esa é a filosofía de SOGAMA”, modelo que defende o Partido popular.
O deputado do BNG cualificou a intervención da conselleira de “cosmética, decorado e escaparate” sen abordar a verdadeira realidade e explicou que o PP, a pesar de sumarse ao discurso “verde, ecolóxico e sustentable” defende e fai o contrario. Ademais, tamén defenden a economía circular pero na práctica fan unha “política depredadora” e xeradora de residuos.
O deputado suxeriu cambiar o nome de SOGAMA por SOGAIN, Sociedade galega de incineración porque responde ao modelo exclusivo de queimar o lixo e transportalo por todo país para logo secalo e queimalo. Un exemplo perfecto, explicou, de economía circular que é a que practica o Partido popular con “Naturgy”, antes Unión Fenosa Gas Natural. Secan a materia orgánica para poder queimala aproveitando a produción de enerxía, porque son os seus socios e “canto máis se queime máis se gaña”, esa é a filosofía de SOGAMA cuns niveis de reciclase “ridículos”, un 3.3% balance no último.
O parlamentario afirmou que SOGAMA leva producido 6 millóns de toneladas de residuos tóxicos almacenados en montañas de lixo en Cerceda, “ese é o modelo que defenden” e que non responde sequera a xerarquía marcada pola UE. “Incumpren a lei de ámbito europeo, estatal e a súa propia”, recalcou o nacionalista. Incumpren o artigo 24 da lei de residuos e solos contaminados que contempla plans autonómicos con medidas para impulsar a recollida separada de residuos e o seu tratamento posterior pero vostedes, limítanse a repartir uns cantos contenedores de compostaxe para cubrir o expediente.
Nesta liña lembrou que o Plan Revitaliza aplicado polo goberno do BNG en Pontevedra, distribuíu “máis composteiros na provincia que os repartidos pola Xunta en toda Galiza”. Vostedes, recalcou, non van a resolver o problema da compostaxe con publicidade da planta de Areosa, porque despois dun ano inaugurada aínda non conseguiron convencer a ningún concello para que faga alí os vertidos porque descoñecen a maneira de recollelos.
No ano 2020 os residuos domésticos, papel, vidro, plásticos deben alcanzar, como mínimo o 50% pero no borrador de residuos non se achegan nin por aproximación polo que preguntou cando pensa a Xunta cumprir con este obxectivo. A modificación do artigo 24 da lei de residuos que está en tramitación obriga no 2020 a recollida separada de bioresiduos e vostedes fixan esa data para o 2023.
O deputada tamén preguntou polo modelo sobre embalaxes que non aparece no borrador porque con toda probabilidade, afirmou, teñen a intención de seguir defendendo o gran “lobby de Ecoembes” co 60% de socios de grandes empresas como Coca-cola, Pepsi e Bimbo e o 40% de fabricantes de envases, Carrefour, Alcampo e Mercadona. A isto chámase “o raposo ao coidado das galiñas” e fano porque “canto máis se produce, máis se cobra”, concluíu.