O Portavoz parlamentario do BNG preguntará ao Presidente da Xunta que valoración lle merece que o 23% dos mozos e mozas galegas pensen que nos vindeiros cinco anos a súa situación laboral será aínda peor ou moito peor que a actual
O portavoz parlamentario do BNG, Francisco Jorquera compareceu ante os medios de comunicación para dar conta dos asuntos do vindeiro pleno tratados hoxe en Xunta de portavoces. O deputado avanzou que na quenda de preguntas ao presidente pedirá a Núñez Feijóo unha valoración sobre o pesimismo dos mozos e mozas ante a situación laboral dos que o 23% pensan que nos vindeiros cinco anos a súa situación laboral será peor ou moito peor que a actual.
Feijóo candidato á Xunta
O deputado reiterou que a herdanza que deixa Feijóo en Galiza é a negación de toda esperanza á nosa mocidade. Quizás, dixo, Jorquera, Feijóo culpe ao Bipartito ou ao pesimismo antropolóxico dos galegos pero a realidade é que os mozos e mozas galegos son os que se mostran máis predispostos a cambiar de lugar de residencia para tentar mellorar as súas condicións de vida e quizá aí teña tamén o señor Feijóo unha explicación á crise demográfica do noso país.
Debates á iniciativa do BNG
Jorquera avanzou que á iniciativa de todos os grupos da oposición foi incluída na orde do día da vindeira sesión plenaria a solicitude para crear unha comisión sobre os contratos, convenios subvencións así como actos administrativos con asignación de recursos públicos á Fundación Fesán da que dixo, é unha das principais beneficiaria da organización de cursos de formación, xestión de garderías, centros de día e residencia de maiores, a través das súas empresas.
O parlamentario lembrou que dende o ano 2009, a Fundación Fesán acadou un total de 10 M en contratos. Ademais, afirmou Jorquera, que pola información da que dispoñemos, foi unha entidade creada ad hoc! por persoas afíns ao Partido popular para acceder aos debanditos contratos e subvencións.
Situación de Navantia
Por outra parte, o BNG defenderá unha proposición non de lei sobre Navantia e o compromiso do propio Feijóo no ano 2009 de crear un grande centro de reparacións navais na Ría de Ferrol con 2.000 postos de traballo. No ano 2011, e ás portas das eleccións municipais, o consello da Xunta anunciou O Plan estratéxico para reactivar Navantia con máis de 1.000 empresas e 10.000 traballadores, sen embargo, hoxe, teñen carga de traballo 600 traballadores das empresas auxiliares e 500 da plantilla principal.
Demora dos pagos de PEMEX
Ademais o BNG preguntará ao Goberno sobre as últimas informacións referidas a PEMEX, outro dos grandes fiascos do actual presidente da Xunta, que anunciou a inversión de 58 millóns de euros para instalar unha base loxística para Europa en punta Langosteira e nada se sabe deste asunto.
Feijóo, dixo o portavoz parlamentario do BNG, vendeu Barreras a PEMEX a prezo de saldo e do anuncio da construción de cinco barcos en Galiza, tampouco se sabe nada o que si coñecemos é que PEMEX xa solicitou unha demora nos prazos de entrega dos floteis por problemas de pago.
O deputado anunciou que o BNG interpelará ao goberno sobre a situación do sector leiteiro e as acción que emprenderá para cumprir a legalidade na etiquetaxe do mexillón en Galiza.
Finalmente, o BNG defenderá unha iniciativa para rexeitar o acordo da U.E con Turquía sobre as persoas refuxiadas polo que proporá instar ao Goberno central a contribuír nun programa efectivo de axuda humanitaria que destine os recursos necesarios para auxiliar, rescatar e acoller ás e os refuxiados.