Jorquera a Feijóo: "Qué vai facer ante o aprazamento para revisar o sistema de financiamento”

Comparecencia de Jorquera tras a Xunta de Portavoces

O deputado preguntará pola posición do Presidente ante o anuncio do Goberno central de aprazar a revisión do sistema de financiamento autonómico, “chave para Galiza”

Francisco Jorquera

O portavoz do Grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera preguntará na vindeira sesión plenaria ao presidente da Xunta pola súa posición ante o anuncio do Goberno central de aprazar a revisión do sistema de financiamento autonómico.

Na comparecencia, tras a Xunta de portavoces, Jorquera asegurou que o sistema de financiamento resulta unha cuestión “chave para Galiza” por que del, afirmou, depende blindar e reforzar os servizos públicos básicos entre os que destacou , a sanidade, o ensino e os servizos sociais.

Asemade, engadiu, segundo os propios dados da Xunta “as achegas con cargo ao sistema de financiamento serán no 2015 inferiores en 1.327 millóns de euros respecto ao 2008, último exercicio antes da última revisión do sistema.

Daquela, explicou o portavoz nacionalista, a Xunta aceptou unha reforma “prexudicial para Galiza”, e agora acepta “sen rechistar” o aprazamento que debía facerse este ano ademais de seguir sen concretar as súas propostas. Para do deputado, esta é unha nova mostra do “sometemento da Xunta ás decisión do Goberno central”.Portada Paco

O parlamentario tamén aludiu ao anuncio de Montoro sobre o incremento na recadación que non repercutirá nas CC.AA e ao aprazamento “sine die” da revisión do sistema de financiamento autonómico xustificando que ao Estado “resúltalle imposíbel poñer máis cartos para as autonomías” e a Xunta, “cala e outorga”.

Asuntos do pleno

Á iniciativa do BNG, tamén serán incluídos na orde do día da vindeira sesión plenaria: a Proposición non de lei sobre o cumprimento dos acordos parlamentarios na aplicación do Plan Xeral de Normalización Lingüística, tras dez anos da súa apropiación “por unanimidade” no Parlamento galego, as actuacións da Xunta relativas á AP-9, e unha interpelación sobre a construción naval civil en Galiza.

Sobre esta cuestión apuntou que, unha vez máis, na Xunta de portavoces, o Partido popular impediu a comparecencia de Feijóo para explicar a vontade do Goberno para que Navantia poda operar na construción naval civil. Jorquera criticou que nunha visita recente de Feijóo a Ferrol, o presidente da Xunta apostara por “fomentar o turismo industrial como futuro para Ferrol” fronte a desenvolver a lei do Sector naval.

Entre as preguntas que formulará o BNG o Goberno tamén figuran, a redución de prestacións por dependencia e o impacto ao colectivo de mariscador@s na próxima campaña, tras a alta mortaldade do berberecho na ría de Arousa.

A presión política frea as reformas do aborto e electoral

A preguntas d@s xornalistas sobre “a marcha atrás” da Reforma do aborto, afirmou que responde á “presión política” e contestación social aínda que debemos seguir “vixiantes e non fiarse”.

Comparecencia de Jorquera tras a Xunta de Portavoces

A decisión do Goberno central de paralizar a contrareforma da lei que pretendía perpetrar Gallardón e o “golpe de Estado legal” a respecto das eleccións municipais, afirmou, é unha demostración da eficacia da presión política e social para que os gobernos “recúen das súas posicións”. En Galiza está en trámite a lei de eleccións ao Parlamento que responde a mesma vontade, “reformar unilateralmente as regras de xogo” para que o PP poida reter a maioría que sabe perdida.

Agardo, dixo, que a presión política e social faga “recuar neste tema ao Sr. Feijóo.

Preguntado polo novo portavoz do PP, Miguel Tellado que substitúe a Paula Prado, Jorquera afirmou que resulta un portavoz feito “á medida do Presidente da Xunta”. Para o Sr. Tellado, os problemas derivan do “bipartito, de Zapatero e de que o BNG chegou a acordos presupostarios co Partido socialista en Madrid e iso é o que explica a situación en Siria, Iraq e en todo o mundo mundial”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG