Iago Tabarés: “Galiza precisa un novo sistema de financiamento”

Ourense
Ourense

O candidato do BNG ao Congreso dos Deputados reclamou unha negociación co Estado Español baseado na “bilateralidade e o concerto”

O candidato do BNG ao Congreso dos Deputados por Ourense, Iago Tabarés, reivindicou un novo modelo de financiamento municipal para os concellos da provincia que “están a sufrir políticas desiguais en materia económica a respecto doutras provincias do Estado”. Neste acto, o candidato estivo Rita María Lago Ozores, tenente alcalde de Castrelo de Miño e candidata ao Congreso, e Cristina Cid, actual alcaldesa de Allariz.

Coa chegada da crise económica, o Estado Español foi construíndo un deseño antisocial e antigalego. O poder central, actuou de maneira negativa no eido local tanto no baleirado competencial en canto á capacidade de actuación ao tempo que os recortes obrigaban a asumir cada vez máis funcións; asemade, tamén realizou unha restrición de financiamento e control case absoluto do gasto nos concellos.

“O Estado destina, de media, 50 euros menos por habitante nos concellos galegos” sinalou Cristina Cid, candidata á alcaldía polo BNG en Allariz. De feito, entre 2004 e 2014, os concellos galegos recibiron 1.400 millóns de euros menos do que lles correspondía. “Os concellos de Galiza e Ourense son discriminados no reparto de fondos do Goberno Central e cada persoa veciña dunha vila ou cidade galega recibe 50 € menos” apuntou Cid.

O actual financiamento que ten Galiza supuxo unha perda de 9 mil millóns de euros. “Procede negociar co Estado Español un novo sistema de financiamento baseado na bilateralidade e no concerto” sinalou o candidato ao Congreso. Xustificou esta nova proposta do BNG aclarando que materias coma o ensino e a sanidade están descentralizadas e isto supón un custo para as galegas e galegos. “Nos ingresos, sen embargo, estamos ante un forte centralismo por parte do Estado” apuntou Tabarés.

“Aquelas nacións que teñen un sistema de financiamento propio, coma o cupo, demostran que ese sistema é beneficioso para a súa cidadanía” resaltou. Ademais disto, o candidato destacou a necesidade dunha facenda e dunha banca propia e unha mellora na política fiscal. “O IRPF ten que ter un progresivo reaxuste fiscal. Quen máis teña será quen máis tribute” destacou.

No ámbito local, cun concerto entre Galiza e o Estado, permitirá que sexa Galiza quen distribúa os recursos entre os diferentes concertos galegos. “Algo que non nos veña imposto de Madrid, servindo para incrementar o volume de recursos do que disporán os concellos e adaptar os criterios de reparto coa realidade socioeconómica de reparto” apuntou Tabarés.

“Dende o BNG reclamaremos unha reformulación do financiamento local e unha reforma no actual sistema de participación dos concellos nos ingresos” puntualizou o candidato. Afirmou que “é inxusto que os concellos galegos reciban cincuenta euros menos por habitante que o resto de concellos do Estado Español”.

 “O único voto que vale para reformular e solucionar todos os nosos problemas é o voto ao BNG” sinalou Iago Tabarés. “Nun escenario sen maiorías absolutas, Galiza e Ourense teñen e poden condicionar as políticas do Estado” sentenzou o candidato polo BNG ao Congreso.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG