A candidata do BNG á Alcaldía de Santiago, Goretti Sanmartín, participou no mitin central de Compostela xunto con Ana Pontón, Ana Miranda, Rubén Cela e Navia Rivas. Alí destacou que “o mellor que lle pode pasar a Santiago é que haxa un goberno BNG”.
Goretti Sanmartín afirmou que quere “aplicar o modelo de concellos BNG para botar a andar Santiago de Compostela” e para iso está a recoller “a enerxía e as vibracións positivas” que transmite a veciñanza. “Imos ser a sorpresa destas eleccións, porque nun escenario sen maiorías absolutas, no BNG somos a garantía de que haxa un verdadeiro goberno que aplique políticas de esquerda e nacionalistas, transformadoras”.
Entre os eixes que destacou está “a vontade de diálogo e negociación coas administracións para recuperar peso político para a capital do país”, humanizar o Ensanche, saldar a débeda histórica do rural e dinamizar o comercio de proximidade. Para iso, comprometeuse a aplicar o pacto polo rural proposto por Ferusa, o pacto polas infraestruturas e a reindustrialización proposto polo Foro cívico e tamén a entablar diálogo coa Igrexa, para conseguir, entre outras cuestións, que pague o IBI que lle corresponde, abrir espazos que recibiron axudas públicas e que poña á disposición da cidade locais en desuso ou que son infrautilizados na actualidade.
“Queremos que Compostela sexa referente cun Consello de Memoria Histórica, cun proxecto de historia das mulleres e na loita contra a LGBTfobia”, explicou. Ademais, defende como modelo BNG conseguir unha Cidade histórica viva, “con servizos, fibra óptica, con axilidade nas licenzas, con ascensores, mellora da accesibilidade e axudas para a insonorización; para que o comercio e o mercado teñan vida”.
“Queremos mulleres libres, nunha cidade ben iluminada e libre de agresións machistas como a que acaba de sufrir Montse en Vimianzo”, sinalou. “Precisamos que haxa un xulgado de violencia de xénero en Compostela e que o Plan de Igualdade sexa de verdade transversal e estea dotado economicamente; temos que pasar da necesaria sensibilización á actuación”.
“Cando falamos de emprego tamén falamos de cultura, de cooperativas culturais e cooperativas agrícolas, de facer valer toda a nosa potencialidade e a nosa creatividade cultural”, engadiu. “Fronte a ese entender a cultura como simple programación e difusión, nós entendémola como creación e participación, por iso propomos dotarnos dunha factoría cultural, con locais de ensaio de artes musicais e escénicas”, explicou.
“O BNG está á alza”
A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou o mitin para recalcar que o BNG está “a alza” e presumir do modelo municipal do BNG. “Temos un modelo municipal que funciona, un modelo transformador, capaz de construír concellos que se converten en referentes a favor das persoas, de calidade de vida, concellos feministas, sustentables, honestos, que saben xestionar cada euro, orgullosos do noso. Un modelo que logra concellos con dinamismo no económico, no social, no cultural”, explicou.
E ese é o modelo que presenta o BNG para Compostela como alternativa á decepción destes catro anos e como alternativa aos que queren retroceder ao pasado.
“Quero dicirlle os veciños e as veciñas de Santiago que esa é a alternativa que lle ofrecemos o 26M: un proxecto, unido, serio, solvente, un proxecto transformador para construír unha Compostela mellor. Non teñen que resignarse a retroceder, nin conformarse con aqueles que só trouxeron decepción. A todos e a todas dígolles que aquí teñen o proxecto transformador do BNG, coa man tendida para avanzar cara ese Santiago que nos merecemos, abrindo un tempo novo en Compostela con Goretti Sanmartín como alcaldesa”, proclamou.
Non equivocarse de inimigo
Pontón tamén fixo referencia aos que tentan responsabilizar ao BNG das consecuencias dos seus erros. “Vemos que hai candidatos nerviosos porque son conscientes da decepción que provocaron, nerviosos polas enquisas, nerviosos polo ascendo do BNG. Eu dígolles: que non se equivoquen de inimigo, o BNG non o fai”, recalcou, pero tampouco “imos pedirlle permiso a ninguén e imos a por todas para darlle a Santiago o proxecto transformador que necesita”.
“Queremos construír un Santiago con futuro, que recupere o pulso perdido, que sume desde o diálogo, en positivo. Non queremos retroceder, nin repetir catro anos de ineficacia e parálise. Temos experiencia, temos solvencia, temos ideas claras, e alí onde gobernamos demostramos que sabemos facer ben as cousas, con concellos que avanzan e terminan converténdose nun referente. Ese é o proxecto que lle ofrecemos aos veciños e veciñas de Santiago con Goretti como alcaldesa tras o 26M”, concluíu.
Recuperación de dereitos democráticos e liberdades
Pola súa parte, a candidata ás eleccións europeas, Ana Miranda, destacou o carácter “feminista” da proposta que o BNG presenta a Bruxelas, “porque as mulleres non queremos ser números nas estatísticas da violencia machista, senón que queremos ser libres e iguais, e non imos permitir nin un paso atrás na defensa dos nosos dereitos”.
Miranda comprometeuse a volver ser firme defensora tamén en Bruxelas dos dereitos das persoas LGTBIQ, en particular nun momento de involución democrática e de liberdades, e en loitar por unha Europa social e dos pobos, fronte a Europa dos lobbies económicos e dos estados que prima os intereses do capital e da banca fronte a vida das persoas.
“Non queremos unha Europa encastelada que deixa morrer nos seu mares a miles de refuxiad@s que chaman as nosas portas. Imos seguir dando esa loita, contra o racismo e a xenofobia”, concluíu, tras facer un recoñecemento as persoas que acompañan na candidatura, da que forma parte o compostelán Neil Baxter.